Pasaporte covid

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

LOREN ELLIOTT | Reuters

10 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Estou farta desta pandemia. Esgotada física e psicoloxicamente. Coma vós.

Cansa de que os nenos non poidan nin celebrar os seus aniversarios, de que non poidamos visitar aos enfermos no hospital, de que non poidamos acompañar aos nosos familiares ou amigos nos momentos que o precisan... Cansa de ocultar o sorriso e ter que sacalo polos ollos, de sentirme unha terrorista se esquezo poñer a máscara ao saír do coche. Dáme medo o ascensor, subo e baixo a pé.

Pero o que máis fartura me produce é non saber como comportarme con aqueles que non cumpren as normas. Porque teño medo que se lles pido que poñan a máscara teñan máis que dicir, que me berren, increpen ou ameacen.

Esa arrogancia... de onde sae? Se a min me collesen infrinxindo a lei, morrería de vergoña, arrepentiríame. Nestes casos, parecen estar por riba do ben e do mal, como se a convivencia non fose o que nos converte en sociedade.

Non vacinarse supón consecuencias físicas e sociais. Se logo non podes viaxar, asistir a un evento, entrar nun restaurante ou un país... non te debes queixar. Menos aínda facerte o mártir.

Os personaxes públicos teñen unha responsabilidade engadida, unha visibilidade. Se para evitar a vacina alegas ter estado contaxiado do virus, que logo non se demostre que andabas espallando a covid en distintos eventos.

Que pouca conciencia e moral. Que maneira de lixar a súa imaxe.

Non é un ningún ser superior. Simplemente, sen vacina non ten pasaporte covid, só entrada privilexiada no olimpo dos insensatos.