Pena de morte: «Para aí, Basilio»

Olegario Sampedro PROFESOR Y PRESIDENTE DEL INSTITUTO DE MEDIACIÓN EDUCATIVA DE RIBEIRA (IMER)

OPINIÓN

SHAWN THEW | Efe

09 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Seleccione vostede a opción coa que prefire ser executado: a) Pelotón de fusilamento; b) Cadeira eléctrica

Podería parecer unha hilarante pregunta dunha película de Groucho Marx se non fose porque responde a unha desacougante realidade. Hai poucos meses, Carolina do Sur vén de restituír o fusilamento como unha das dúas opcións que poden elixir os reos que esperan, no corredor da morte, o seu axustizamento. Ante as reticencias de moitas farmacéuticas a que os seus medicamentos sexan empregados como inxección letal, este estado norteamericano, nun inverosímil alarde de impostura, acaba de repor a morte a balazos ante un pelotón como unha preferencia penal. Consideran alí que aos convictos deben posibilitárselles, ao menos, dúas modalidades entre as que escoller o seu método de morrer para que o proceso ofreza unha indubidable fisionomía civilizada.

Corenta e nove. Esa é a vergoñenta cifra de países que, actualmente, conservan no seu código xurídico a pena capital. O paradoxo é que case todas estas nacións aseveran, sen pinga de rubor, que respectan a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. A cineasta, profesora e académica Margarita Ledo (cantas máis mulleres coma ela nos son imprescindibles!) aseveraba a este respecto que »xa non se pode consentir máis o atropelo aos dereitos humanos. A Carta Magna dos Dereitos Humanos ou é esixida no seu íntegro cumprimento ou hai que modificala. Non queda outra». Canta razón leva! Setenta tres anos hai que foron redactados e 73 anos que seguen a ser conculcados. Entre eles, o artigo primeiro: o dereito á vida.

«Estamos un paso máis cerca de brindarlles ás familias e seres queridos das vítimas a xustiza e o peche que lles debe dar a lei», afirmou impávido o gobernador de Carolina del Sur. Esta obscena e dadaísta disposición non deixa de ser un novo intento da farsa pseudo-democrática á que demasiados gobernantes nos queren acostumar; preferiblemente silentes e mansos.

Como podemos seguir permitindo e xustificando, como método de punición dun asasino, a súa propia morte? Como podemos seguir considerando a lei do Talión como unha estratexia civilizada? O sacrosanto dereito a vivir non admite nin a máis tenue das excepcións. Aquí e na Patagonia. O seu cumprimento debe ser universal, polo que é indecente seguir agochándonos, abrigados e egoístas, detrás dos marcos das nosas respectivas leiras. Alto e claro, temos que asumir que todos os seres humanos, polo feito de selo e independentemente do seu lugar de nacemento, posuímos o inalienable dereito á vida e absolutamente ninguén ten a potestade de interceptárnolo, sexa un abxecto homicida que, armado cunha navalla, termina coa existencia dunha inocente persoa ou sexa un señor togado que, amparándose nun articulado xurídico, ditamine cun mazo de madeira a fin dese mesmo asasino.

No meu caixón dos tesouros custodio as ensinanzas do profesor Herminio Barreiro, catedrático universitario de Historia do Pensamento e da Filosofía. Entre outras, relatábanos con paixón a coherencia de Sócrates quen, nun incrible exercicio de serenidade e convicción democrática, aceptou beber unha copa de cicuta e opio como condena a morte porque, aínda que mantiña ferreamente a súa inocencia, o castigo fora consensuado por un xurado ao que lle dera o seu apoio como cidadán.

Son dos que considero que a idade non vén ditaminada polas engurras na cara, senón na ilusión. Unha delas quedoume impresa ao caer na conta de que a democracia, coma tantas daquelas historias coas que nos ilustraba Barreiro, está enchoupada dunha preamar de utopía, mitos e ilusións.

Recordo con nostalxia o práctico que resultaban aqueles antigos autobuses de liña nos que podías gritarlle ao chofer que parara onde ti quixeras. Ante estas noticias, penso que a vida debera ser coma unha viaxe nun daqueles Sarasquete para poder berrar: «Para aí, Basilio, que eu baixo».