Dezasete anos

OPINIÓN

Eduardo Parra | Europa Press

08 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

É difícil saber canto duran os idilios. As campañas de vacinación, a aplicación dos ERTE ou os datos do paro, que non acadaban cifras semellantes dende o ano 2005, son algúns do éxitos dun Goberno de coalición que, de momento, se bambea en auga mansa e ameaza o futuro de Pablo Casado que, teimudo nas súas teses catastrofistas, mesmo vén de lle virar as costas a unha reforma laboral que, para un sector moderado da dereita, non é un cataclismo senón que ratifica as bases establecidas na reforma de 2012. Velaí a Rajoy que, nun acto de reafirmación, non exento desa ironía un pouco desleixada, di que a reforma fica como estaba e non se toca nada relevante. Son moitas as persoas no PP que seguramente subscribirían esta posición, avalada polo feito de que xa se acadase o acordo cos empresarios, pero tamén é certo que a oposición adoita estar para iso: opoñerse a calquera iniciativa que poida achandar o camiño do Goberno á permanencia. É comprensible. E a Casado, con perspectivas tan incertas dentro do partido, non lle importa tirar pedras contra o propio tellado nin desprezar o futuro da economía. El ten que procurar a confrontación para non quedar na irrelevancia á que estaría abocado tendo en conta as frontes que lle saen á dereita e á esquerda e, sobre todo, dentro do propio partido, con Ayuso soprándolle na caluga e agardando talvez a súa oportunidade, máis populista ca popular. O futuro de Casado depende cada vez máis do fracaso dos demais ca dos éxitos e acertos propios. E coido que son moitas as persoas que se preguntan pola verdadeira natureza dese idilio que o levou aí e que me fai lembrar a resposta dunha anciá ao rosmón do seu marido cando este lle preguntou que diaños lle vira para casar con el: «Dezasete anos».