O cuarto Rei Mago

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

08 ene 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Das moitas humoradas que me chegaron por WhatsApp nas festas de Nadal, ningunha me pareceu tan enxeñosa como a viñeta coas siluetas de catro Reis Magos en ringleira, recortadas no horizonte. O de diante pregunta: —¿Pero no éramos tres? E o último bérralle: —¿Por qué no te callas?

O certo é que no evanxeo de Mateo —único que informa da adoración dos Magos— non se di cantos eran e nas representacións gráficas das catacumbas de Roma aparecen dous, tres e catro; pero houbo comunidades cristiás que falaban de 12, 15 e ata de 60. O papa León I resolveu o dilema no século V ao dicir na homilía Solemnidade da Epifanía que son tres. Pouco despois xa tiñan nome propio e, aínda que seguían sendo Magos e así se representaban en pinturas e mosaicos, non tardaron en converterse en Reis Magos e trocar os gorros por coroas. No século XV, Baltasar pasou a ser negro e tamén indíxena do Novo Mundo nalgúns lenzos, durante a conquista e colonización. Ante tal desmesura imaxinativa non pode estrañar que circulase a lenda dun cuarto rei mago, peregrino a Belén, que non chegou a tempo de adorar o Neno.

A min paréceme o argumento idóneo para que un escritor de talento como Chejov, Bernard Shaw ou o noso Wenceslao crease un rei mago humorístico de valor universal, ao xeito de Don Quixote, que Woody Allen levaría ao cine como director e protagonista; pero o pastor presbiteriano estadounidense Henry van Dyke viu na lenda a inspiración dun conto moralizante e escribiuno en 1896. Chamou Artabán ao cuarto rei mago: advertiu ao lector de que relataría o que oíu no Vestíbulo dos Soños, no Pazo do Corazón Humano; e contou que Artabán saíu da cidade de Ecbatana, en Persia, para encontrarse con Melchor, Gaspar e Baltasar no Templo das Sete Esferas, á saída de Babilonia, e faceren xuntos o camiño a Belén. Artabán levaba un zafiro, un rubí e unha perla como ofrenda ao Salvador; pero atopou un enfermo moribundo e detívose a atendelo. Devolveuno á vida, mais aquela demora obrigouno a viaxar só e a pagar co zafiro as provisións para cruzar o deserto. Chegou a Belén cando xa a Sagrada Familia fuxira a Exipto e os soldados de Herodes mataban os nenos. Subornou co rubí a un capitán e puido salvar a un. Despois, durante 33 anos, buscou a Xesús entre os pobres e os oprimidos, sen atopalo; e cando, vello e enfermo, volveu a Xerusalén, soubo que ían crucifícalo con dous ladróns. Artabán pensou que quizais podería rescatalo coa perla que aínda gardaba; pero viu unha moza que ía ser vendida como escrava para pagar as débedas do pai e mercou coa perla a súa liberdade.