En Alacante un home colleu unha caixa de gambas nun súper e foise correndo. Inmediatamente, un grupo de valentes cidadáns vixiantes da lei, a orde e a decencia, botáronse sobre el, inmobilizándoo para que viñesen as forzas e corpos de seguridade do Estado para detelo. As gambas son sagradas. Eu, como moitos de vostedes, vin as imaxes nas redes. Chego a contar ata dez persoas sobre o individuo. A detención foi, por certo, fóra do súper, o que en termos xurídicos xa implicaría que están facendo unha detención ilegal dun cidadán, pero en fin, tanto ten porque seguro que todos se consideran moi boas persoas por facer iso. E non digo que non o sexan. O que digo é que o que sucedeu en Alacante (polo que lin por aí, estamos diante dun pobre de pedir, como dicía miña nai) debería servirnos para tomar exemplo e ser igual de expeditivos, constantes, serios e heroicos con todos cantos ladróns andan por España adiante.
Hai moita xente que se sumaría feliz (temos visto mil imaxes tamén ao longo da nosa vida) ao linchamento de calquera pringado ao que se colla facendo calquera parvada ilegal. As masas, cando son iso, masas, son todas moi valentes. Nas imaxes de Alacante hai violencia sobre o ladrón. De feito, el berra de dor. Inmobilízano contra o chan cos xeonllos. Seguro que chegaron a casa fachendeando: «Maruja, ponme un cubata que vou contarche o que fixo hoxe o teu marido». Podería ser algo así. E maxino a todos eses homes vixiantes da lei contra o ladrón da caixa de gambas (un pobre tamén ten dereito a comer gambas polo Nadal, non si?) cambiando de canle cada vez que na televisión lle informan de que tal presidente, tal xefe do Estado, tal alcalde, meteu a man na caixa (non para gambas, senón para outras cousas) e, directamente, tanto lle ten. Imaxino a eses aguerridos defensores da legalidade, aclamados por certo nas redes sociais e postos como exemplo de cidadanía, votando unha e outra vez a políticos que non é que lles leven unha caixiña de gambas, é que se levan millóns a contas opacas, a paraísos fiscais, con mordidas de todo tipo, con comisións inxustificables. A eses perdóaselles. Eses que comen gambas a diario, por suposto, sen levalas do súper, poden facer o que queiran que non lles dirán nada. Será porque as gambas páganas co que nos rouban a todos nós xuntos. Aí non hai reacción. Aí non hai esa enerxía violenta que podemos ver nesas imaxes do súper.
Tristemente, roubar, róubanos moita xente. Non só un tipo de Alacante que decide vulnerar a lei —que está moi mal— pillando a caixa de gambas. De feito, moitos dos seus captores e dos que ven con bos ollos a actuación parapolicial esa, probablemente lle piden ao fontaneiro que non lles faga factura, ou igual rexentan negocios onde, en negro, se moven moitos cartos que non se declaran e, polo tanto, son un roubo. A realidade é esa. Pero, como me aprenderon no barrio cando era un cativiño: «Caña al mono, que es de goma».