Tanxugueiras

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Rocío Cibes

19 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Tres mulleres novas a querer cambiar o mundo, ou polo menos desestabilizalo, coma quen introduce unha cuña no eixo das cousas. Tres mulleres con talento e afouteza que queren ser a voz de todos nós: a lingua galega nos escenarios da música pop, mesmo no espazo competitivo dos grandes concursos de masas. Lembro a Joan Manuel Serrat en 1968 cando o seleccionaron para Eurovisión, o mesmo ao que aspiran as nosas artistas, e cando puxo como condición poder cantar en catalán. Non o deixaron, case que o exiliaron, e a España dominante púxolle a cruz. Tamén é certo que Serrat, que daquela xa tiña abondo talento demostrado, gañou dignidade, e se cadra mesmo o futuro. Vivía o ditador.

Afortunadamente estamos noutro tempo. Certo que os prexuízos seguen pesando, dentro e fóra da casa. Pero o feito de que tres mulleres novas, coherentes co traballo que fan, presenten sen oportunismos a súa candidatura e o seu talento nunha competición destas características, e aínda máis: o feito de que esa candidatura sexa aceptada, considerada e aplaudida pola organización e polo público, abofé que introduce un punto de esperanza que non debemos deixar pasar. Á marxe do resultado desa competición, na que poden clasificarse ou non dentro dunhas semanas, elas xa gañaron a batalla.

Seica o nome o rescataron das terras do Concello de Riós, parroquia de Santa María de Fumaces, na comarca de Verín, provincia de Ourense, malia estaren elas máis próximas da Galicia urbana e do mar. Tanxugueira, que nalgunhas outras partes dise Teixugueira, vén sendo lugar ou «terra de teixugos», onde aniñan os teixugos, tamén chamados touróns, teixos ou porcoteixos. No portal Galicia Nomeada vén rexistrada a toponimia: uns prados preto da montaña que así se denominan. A memoria da xente di que onde hai teixugos non se achegan os lobos, nin outras alimañas. Polo que se pode ver, Aida Tarrío, Olaia e Sabela Maneiro non son das que se amorriñan, nin agachan, nin abaixan diante dos desafíos. Mozas novas para unha Galicia nova que non ten medo dos lobos. Canto as precisamos! Empezaron xuntas no ano 2016 e gravaron os seu primeiro disco ao inicio do ano seguinte. Preséntanse como cantareiras, voces da música tradicional, e esta é outra dimensión importante: a tradición das avoas, que se sentaban a cantar nos seráns á luz do carburo, recreada doutro xeito para, sen perder as esencias, romper fronteiras, a competir cos ritmos novos do hip hop, o Khaslliji, o rock de Siberia e o reguetón. No festival Celtic Connections de Glasgow chamaron a atención, e logo en Cuba, na India, en Suíza… Non son as únicas, nin as primeiras, e este é outro dato da vitalidade da nosa creación neste ámbito. Non se trata de dar nomes, están na mente de todos, grupos e individualidades. Enerxía en estado puro, e ideas. Benzón.