Os bicos que contan

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

FERNANDO VILLAR

07 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre se di que os que importan son os feitos. É ben certo. Mais, ás veces, os xestos verdadeiros falan máis cás palabras. Un día, o meu pai contounos o costume xa esquecido de bicar o pan. Cando caía un anaco ao chan, recollíanse, dábaselle un bico e xa se podía comer. As laranxas eran, na súa infancia, un ben moi prezado. O pan, un alimento que non se podía desprezar. Eran os tempos da necesidade e do medo a caer na pobreza, esa situación da que só os separaba unha liña diminuta, tan esluída que ás veces non eran capaces de distinguir a que lado da mesma se atopaban.

Los besos en el pan é unha das novelas de Almudena Grandes, que colle o título dese costume, que ben podería retratar aquela época. Un símbolo, un xesto... unha verdade. Porque os xestos, tamén contan. No acto de adeus á escritora, foron moitos os que a despediron portando un libro da súa autoría na man. Pareceume fermoso. Pero, entre todos eses actos, destacou un. O seu home, Luis García Montero, bicaba un libro escrito por el, Completamente viernes, antes de depositalo sobre o féretro. Acompañaría por sempre a Almudena. Un xesto. Unha declaración en silencio. A súa verdade: vaste e marcho, en parte, contigo.

Non puiden evitar lembrar a meu pai, bicando unha presada de terra que deixaría sobre a tumba do meu avó, para que aqueles bicos marchasen por sempre con el. Un xesto tenro que me esgazou. Porque os xestos, os bicos, tamén contan.