Persianas baixadas, fiestras escaparate

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

Foto X. Estévez

04 dic 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai vinte anos, antes de que estourara a burbulla inmobiliaria produto da especulación masiva, escribía sobre o incremento do número de vivendas desocupadas nas novas urbanizacións recorrendo á alegoría das persianas baixadas. Oito anos máis tarde, en 2008, pasou o que pasou e case ninguén saíu indemne da crise.

O problema das vivendas vacantes vén de lonxe nos centros urbanos e, como non, nos centros históricos desde que as cidades medraron, as familias minguaron e as plusvalías entraron en xogo. As plantas baixas repártense entre grandes cadeas, franquías, hostalería, e os propietarios dos locais baleiros esperan tranquilamente a que apareza un negocio capaz de soportar uns alugueiros prohibitivos. As rúas más céntricas empezan a ser unha sucesión de escaparates e locais de lecer con horario limitado, mentres o vecindario escasea, canso de aturar as molestias e ruídos producidos normalmente no exterior. Pouco a pouco, a actividade terciaria ascende, ocúpanse os edificios con apartamentos turísticos e as fiestras ilumínanse como vitrinas comerciais.

É necesario outro compromiso social e económico cos sectores que interveñen nos usos da cidade, habitantes, empresarios, autónomos, porque aí está o dilema. Aí e mais na mobilidade. Xa non é tanto un problema de arquitectura, porque o mercado e os propietarios fixeron seu un obxectivo que se acadou mercé aos esforzos das oficinas municipais de rehabilitación. Está en xogo o espírito das nosas cidades e esa é unha cuestión filosófica que hai que abordar, comunicar e compartir. Os importantes recursos públicos que ata agora se dedicaron a restaurar e rehabilitar en función da renda débense aplicar, ademais, para garantir un réxime de alugueiro accesible, sobre todo para os xoves; é dicir, a Administración achega recursos e márcase un teito de renda, á espera do que dispoña a lei de vivenda.

E a carón das edificacións, a clave é o espazo civilizatorio, as rúas e prazas que nos centros históricos tenden a petrificarse solemnemente como se fosen unha terceira fachada. A rúa non é só unha cuestión de arquitectura, é algo máis complexo, porque é o tapiz do encontro da actividade humana e de todo o tecido social, onde nos vemos as caras a pesar das máscaras, para amistar e saudar pero tamén reivindicar, protestar e, sempre, resolver os conflitos. Ese carácter social da arquitectura e o urbanismo aprendino con Oriol Bohigas, meu admirado profesor e concelleiro de Urbanismo co alcalde Pasqual Maragall, nos tempos en que Barcelona e Santiago colaboraban no deseño dun futuro.