Teño a sensación de estar revivindo unha situación que pensaba deixara atrás hai meses. As preguntas rebotan na miña mente, provocando un ruído molesto.
Poderemos celebrar o Nadal? Xuntarémonos a familia a cear algún día? Xamais pensei que este tipo de cuestións e dilemas se convertesen nunha tradición. Mais vai camiño diso, pois o que comezou cun confinamento de quince días, dilatouse no tempo.
O becho non para no seu avance. Cada vez coñezo de primeira man máis xente afectada, máis colexios con aulas confinadas. Ademais, non só están subindo os casos de pacientes covid, tamén apareceu unha nova variante, para a que non sabemos se a vacina é suficientemente efectiva.
Agora, en plena campaña de dose de reforzo, nacen novas preocupacións con respecto á pandemia. De verdade que nunca pensei que este Nadal ía ser unha réplica do anterior. E moito me entristece.
Creo firmemente que non poder xuntármonos ao redor dunha mesa un día en concreto non é unha traxedia. Mais o problema é que tal dúbida é a consecuencia do que vivimos e padecemos. Son os refugallos de que un virus levase por diante demasiadas vidas, de que siga rillando na nosa saúde e infectándonos debilidade, física e mental.
O peor de todo é que, hai un ano, confiaba en que a luz ao final do camiño existía. Agora dubídoo, afectada polo cansazo, a desconfianza, a experiencia. Por fatiga psicolóxica.
Ás preguntas da celebración do Nadal engado outras verdadeiramente preocupantes: todo isto ata cando vai durar? Rematará?