Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

A memoria das árbores

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Sandra Alonso

28 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Na marea da semana pasada, lembrando a Darío Xohan Cabana, evocaba un poema seu dedicado ao carballo, árbore petrucia cuxa sombra amparaba «os avós dos avós». O poema abre o libro Cabalgada na brétema (2006). Hoxe chega a noticia da elección do carballo de Conxo, alcumado o avó, para representarnos no certame internacional Tree oh the Year, que convoca anualmente a Comisión Europea, Outra árbore petrucia, símbolo da vida e da memoria, da enerxía e da resistencia. Seica superou a votación de varios miles de persoas que a escolleron entre outras candidaturas no menos valiosas. Calcúlanlle os expertos arredor de 250 anos. Na súa memoria vexetal está o histórico Banquete de Conxo (1856) e acaso os pasos de Rosalía de Castro e de Federico García Lorca.

O editor Henrique Alvarellos evoca nun fermoso libro Os últimos carballos do Banquete de Conxo (2016), editado en colaboración co Consorcio de Santiago, e eu teño diante miña o magnífico traballo de Carlos Rodríguez Dacal e Jesús Izco Árboles monumentales en el patrimonio cultural de Galicia, publicado en dous volumes pola Xunta de Galicia (2003). Os autores rexistran ata 350 exemplares senlleiras, dende os abetos brancos do pazo de Pena d'Ouro na Coruña ata as washingtonianas do paseo das Palmeiras de Pontevedra, incluíndo una ampla referencia a castiñeiros e carballos, acaso as especies máis representativas do país. Nestes casos as árbores clasifícanse por razón botánicas (idade, singularidade, características) ou pola súa significación cultural, que moitas veces é razón simbólica, cando non mitolóxica. Tal e o caso do carballo de Conxo. Non é o máis vello do país, pero a súa significación cultural é obxectiva.

As árbores son as grandes referencias da memoria histórica e mesmo da condición humana, dende o principio do mundo: nos poemas sumerios (Gilgamesh), no Xénese bíblico, nas historias dos antigos vedas, nas relixións da India, no universo precolombino… Para os xermánicos o mundo nacía e desenvolvíase arredor dun freixo. Para os celtas o gran símbolo era o carballo, principio das cousas todas, coma no poema de Darío. A Grecia clásica gustaba do loureiro e da oliveira, representacións da gloria e da inmortalidade, igual que os cupresos, que adornan as caeiras todas da Toscana. O cristianismo levou os cupresos aos cemiterios polo aquel da ascensión das ánimas ao ceo, pero na antigüidade clásica eran o símbolo do deus Apolo.