Ser portavoz

Pedro Puy
Pedro Puy TRIBUNA

OPINIÓN

XOAN A. SOLER

21 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ser portavoz dun grupo parlamentario é difícil, porque entre as súas funcións está a de manter a disciplina dos seus membros. Fíxense se é difícil, que «eu non fun capaz de manterme a min mesmo nesa disciplina». Algo así nos dixo Xosé Luís Barreiro, e pido desculpas polas comiñas ao primeiro portavoz do grupo popular no noso Parlamento porque seguro que o dixo mellor do que eu recordo, nunhas xornadas da Escola de Verán Miguel Ángel Blanco organizadas hai 5 anos polos nosos compañeiros ourensáns sobre A responsabilidade no exercicio da portavocía parlamentaria.

Para empezar, nen sequera está claro o que é un grupo parlamentario. Algúns expertos en Dereito defenden que é un órgano público, pero non se sabe moi ben se é un órgano do partido político que concorreu ás eleccións; do Parlamento; ou incluso do Estado, ao estar mencionado na Constitución (artículo 78) e, para Galicia, no Estatuto (artículo 12). Outros consideran que é unha asociación, pero de dereito público, e non privado, e que por iso debería ter unha regulación xeral específica (que non existe). E hai quen defende que son entes con personalidade xurídica propia, en parte asociativos e en parte organizativos, para ostentar a representación institucional dos seus integrantes. O que si sabemos é que os regulamentos das cámaras representativas racionalizan o seu traballo dándolle un especial protagonismo aos grupos parlamentarios, nos que o portavoz desempeña un papel central: tanto para a configuración da axenda parlamentaria a través da xunta de portavoces, como na organización interna dos grupos fixando a posición nos debates, decidindo quen intervén neles, e impulsando (ou freando) as iniciativas dos deputados. Un papel moi diferente, por certo, dos seus equivalentes nas democracias presidencialistas nas que, como na norteamericana, o leader do grupo (speaker é un «falso amigo» que designa ao Presidente da Cámara) é elixido polos seus iguais sen a intervención nin dos partidos nin do presidente do país, con quen negocian directamente calquera tema que este someta ao Congreso. É tamén diferente, no ámbito da democracia parlamentaria, dos líderes dos grupos en Westminster, onde é o propio grupo o que elixe ao líder do partido, e non coma no continente, onde son os líderes do partido os que elixen ao portavoz parlamentario. Mandando, por certo, un evidente sinal do tipo de política parlamentaria que queren que se practique.

Chegados a este punto enténdese que ser portavoz no noso sistema político ten as súas dificultades. No Congreso dos Deputados, ou no Parlamento de Galicia. Debe estar coordinado coa dirección ou presidencia do partido ao que representa no Parlamento; dirección que, non esquezamos, foi elixida democraticamente pola militancia. A súa mensaxe, e a do grupo, deben ser coherentes coa da forza que representa. Pero debe ser respectuoso e integrador co que pensan os membros do grupo que expresan distintas sensibilidades, que ademais cambian co tempo. E que é bo que as expresen, mesmo aínda que sexa como no Parlamento británico formando parte dos back-benchers, eses deputados que discrepan da liña oficial do partido pero que manteñen a lealdade ás siglas (e a disciplina de voto). Porque para ser portavoz, que é levar a voz dun grupo de deputados, e non a propia, posiblemente sexa tan importante saber escoitar e integrar opinións, como falar ben, ou escribir libros.

Xa nolo dixo Xosé Luís Barreiro aquel verán do 2016 no Carballiño. Ser portavoz non é fácil. Porque ten, en primeiro lugar, que saber disciplinarse a un mesmo.