Darío

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

18 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Foise o Darío. Con el vai a luz do verso puro, terra adentro, deste país que sempre ha de botalo de menos. Darío, con Ferrín e González Tosar, era un dos tres mellores poetas deste tempo frío. Con idioma atávico e ancestral, máis certo que ningún outro. Os tres escriben, permítanme o presente, con lingua de Nós. Con música de sonata (os sonetos de Darío) ou sinfonía, réquiem esta vez. Digo tempo frío e vouno repetir. Algo pasou entre os escritores de Nós. Perdeuse a camaradería e perdéronse mil abrazos. A gadaña do politicamente correcto todo o invade. Estás ou non estás. Es ou non es. Agora só existen os camaradas de partido ou camarilla, de contubernio e conspiración. Darío Xohan Cabana pertencía a outra estirpe. A dos bos e xenerosos, sen afectismo barato. Estaba na RAG porque un vello lobo acordouse del. Senón estaría camiñando por Roás, talvez Saor, e recitando versos de luz, insisto, ás aciñeiras e merlos e calandras. Marchou Darío e a min cólleme contemplando este ermo da nosa literatura, tan orfa hoxe. Xa non se escribe dende a alma, senón desde a consigna e o pequeno comercio e a medianía. Son os tempos, os malos tempos. Esa foi a resposta que lle deron a Pedro Páramo camiñando por Comala. Páramo só preguntaba por que se vía todo tan triste. Os tempos, os malos tempos das Letras e de letras reviradas cara un sol negro. O negror, outra vez o negror. Darío era quen de mudar a escuridade en cores de outonía. Todo en vermello e amarelo e marrón dourado. O país espléndido que perdeu a un dos imprescindibles. Gustaríame contemplar a súa figura, alá no fondo, baixo o castelo de Monterrei: esguío, elegante, cortés, culto. Marchou Darío. É tempo de chorar.