Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

De momento, os mellores

Marina Mayoral
marina mayoral PÁXINAS SOLTAS

OPINIÓN

PhotogenicClaudia Alba

14 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Refírome, unicamente, á incidencia de casos de covid por 100.000 habitantes. Cando empezaron a dar as cifras e a comparalas coas dos principais países europeos, non mo podía crer. A min, aqueles desdéns dos nórdicos (o dos PIGS , lembran?) vese que me chegaron ao máis fondo do subconsciente, porque desde alí sóbeme unha alegría irracional ao ver que estamos ao nivel da sempre inalcanzable Dinamarca. E non lles digo nada cando nos comparan con a pérfida Albión ou coas súper potencias económicas: Alemaña, Estados Unidos... ou con Francia, que desde hai séculos míranos como ao veciño paleto. Uns amigos regresaron dunha viaxe turística a París. Din que alí ninguén leva máscara nin na rúa nin nas tendas, e que a cidade se ve sucia, descoidada, chea de esmoleiros e de policías con metralletas, e que hai moita violencia; tiveron que esquivar en pleno centro da cidade dúas pelexas a puñadas, e empuxóns e berros de tolos soltos, incontrolados. E que a mesma violencia obsérvase no tráfico. 

Sempre foron moi admiradores de París e, en xeral, de Francia, e viñan impresionados polos cambios, que atribuían á pandemia. E dixeron: «Quizá nós estamos tamén así, e non o vemos porque nos afixemos». Pois non, señor! En España, por unha vez, estamos mellor: menos mortos, menos contaxios, máis vacinados, e as terrazas cheas de xente tranquila, gozando das tapas, do sol ou da choiva, que tamén ten o seu encanto. E todos con máscara nos espazos pechados. Contra! A ver se nos imos afacendo a sentirnos os mellores. Aínda que so sexa de momento.