A ansia de gañar

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

GEOFF CADDICK

14 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O outro día lin polas redes un texto dunha nai que dicía que a súa filla quería ser segundo violín, tocar tranquila nunha orquestra sen someterse á presión daqueles que militan en primeira liña. Porque é feliz así. 

É un texto fermosísimo e, ao mesmo tempo, triste e revelador, pois a nai dubida que poida acadar a felicidade dese xeito, pois o mundo non está feito para persoas coma ela. Vivimos buscando ser protagonistas en algo. Oriéntannos para que descubramos, cada vez máis cedo, aquilo no que podemos destacar. Porque, como se adoita dicir, se non saes na foto é coma se non estás.

Iso entristéceme.

Gústame a xente discreta. Algunha acaba por sobresaír irremediablemente, pero... queda moito invisible sen o que o mundo non podería virar.

Promulgamos a nosa solidariedade cando comezou a pandemia. Pero se miramos de preto, descubriremos que somos unha sociedade máis egocéntrica ca dadivosa.. Vivimos buscando o éxito persoal, non o do conxunto. Isto pode chegar a límites moi perigosos e inesperados. Veño de ler que a futbolista do PSG Aminata Diallo está acusada (e detida) de contratar a dous matóns para lesionar a unha compañeira. Nin o deporte é deporte.

Aínda están investigando, mais todo apunta a que Diallo quería facerse co posto titular da compañeira agredida. A fama, o figurar, o poder. A primeira liña de batalla. Porque a discreción non se premia.

Aplaudo ese segundo violín, esa nai que, apoiando a actitude, educa en valores tan necesarios. Oxalá máis rapazada así: libre e feliz.