Xute de enerxía

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

.

07 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ben que o necesitamos. O pasado xoves o Consello da Cultura Galega reuniu en varias mesas de traballo axentes diversos da acción lingüística cunha preocupación común: a transmisión interxeracional da lingua galega, transmisión que, como explicou nalgún momento a presidenta Rosario Álvarez Blanco, non se refire só ao compromiso das familias (pais e nais que transmiten o galego aos seus descendentes) senón que atinxe ao conxunto da sociedade, alén do estrito ámbito local ou familiar. Todo somos responsables e protagonistas dese proceso, para ben e para mal, seguramente tamén para regular.

As familias e a escola nos primeiros anos. Os ámbitos de socialización. A importancia do ocio fóra do espazo da escola e as familias. A influencia (decisiva) dos amigos… O máis interesante dos encontros foron as iniciativas de base, o intercambio de experiencias persoais ou de grupo que dende hai tempo veñen actuando en distintas frontes, intentando encher ás máis das veces limitacións ou carencias do sistema. Non se trata de citalas todas: dende experiencias de inmersión escolar (Semente) a creadoras de xogos (Brazolinda), o Proxecto Apego, a cooperativa Fabaloba, Aulas Galegas… Paula Kasares, que viña dende a Universidade Pública de Navarra e que mesmo partía da súa experiencia co éuscaro, presentou a cuestión nos termos que máis dunha vez temos comentado nestas mareas: as familias e a escola son sen dúbida espazos fundamentais de socialización e, por tanto, de transmisión e uso do idioma; mais a clave, a estas alturas da historia, está nos espazos da comunicación e o ocio, o universo plural e aberto onde os nenos e as nenas, adolescentes despois, se abren ao mundo e ás relacións transversais e plurais (non unidireccionais). Os pais e as nais podemos (e debemos) sementar, e nesa sementeira residen os primeiros valores, que sempre están aí e ás máis das veces volven, pero a construción simbólica da realidade, o proceso de formación das identidades persoais, a afirmación dos valores dominantes está no mundo exterior, principalmente nas amizades, que constitúen unha rede de vasos comunicantes que se interfiren e inflúen entre eles.

¿Cómo actuar nese horizonte a prol do galego? As novas tecnoloxías do ocio, os referentes da comunicación, o exemplo que dan os maiores, a oferta de lecer (que tampouco podemos trocar nun gueto), esixe recursos, plataformas de divulgación e vontade política. No Parlamento español discútese estes días o espazo que lle van dedicar á lingua galega na industria audiovisual. Os meus fillos pertencen á «xeración Xabarín». Tan difícil é recuperar aquilo? Non é máis ca un exemplo. A política lingüística está a pedir unha revisión radical, un paso cualitativo que actualice discursos e recursos consonte as necesidades dos novos tempos. Escoitar as iniciativas de base que o pasado xoves defendían os seus proxectos (iniciativas de todo tipo) era un xute de enerxía. E de esperanza.