Aquel empeño autonomista

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

DENÍS E.F.

06 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A José Antonio González Casanova, in memoriam

O feito político máis importante da historia da Galicia contemporánea foi a aprobación do Estatuto e a implantación da autonomía. Convén dicilo antes de que se revise e, se cadra, se desvalorice un logro que trouxo consigo a autoestima, a consolidación dos valores de identidade e o recoñecemento internacional da nosa comunidade, desmontando boa parte dos prexuízos seculares en torno aos galegos; non todos, polo que se ve.

A ilusión inicial compartíana os cidadáns e os políticos. Como non ía ser así cando, despois de catro décadas de afogo, transitabamos cara á democracia, empezabamos a desenvolver a Constitución mediante as elección municipais, os procesos autonómicos e, pouco despois, coa incorporación a Europa, na busca dun lugar común que nos competía a todos.

Se o presentimento maioritario empuxaba ao cambio, a clave dunha nova xeración de políticos consistiu en adiantarse no desexo de aventurar outra realidade socioeconómica e política baseada na confianza mutua, na ponderación e na capacidade de negociar ata a extenuación. Unha práctica amplamente avalada por referendos e eleccións sucesivas, en medio da barbarie terrorista e o golpismo.

Hai que recoñecer que na Transición aparcamos a memoria da guerra e da ditadura para, quizais sen propoñérnolo expresamente, neutralizar naqueles momentos cruciais as tentacións de desquite. Agora xa non se pode admitir que as auténticas vítimas daquelas atrocidades sigan en fosas e gabias.

O impulso autonómico viña do anhelo secuestrado no 36, avivado polo que acontecía en Cataluña e no País Vasco nos anos da Transición. Referendados estes dous estatutos, o tránsito do galego parecía despexado, pero certa connivencia inicial do goberno da UCD co PSOE -non co PSdeG de Ceferino Díaz et alii-, a pasividade do PNV e CiU e a indiferenza do PP atascaron o texto estatutario. A colaboración de José Antonio González Casanova, Joan Prats e Jordi Solé Tura, entre outros, foi fundamental na busca da solución constitucional á aldraxe.

Á hora de examinar os resultados da autonomía, debe terse en conta con que premisas se fan as análises e valorar o seu balance inequivocamente positivo. O presidente do Parlamento de Galicia convocounos a Rajoy, Portomeñe, Nogueira e mais eu no 40 aniversario das primeiras eleccións e coincidimos en que estes corenta anos situaron a Galicia nunha posición que non ousabamos vaticinar cando, tan mozos todos, a ilusión nos inundaba. Cómpre recordalo, por se acaso a memoria prevalece sobre a historia.