Profunda

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Sindo Gandarela

28 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Sinto predilección polo oxímoron, figura retórica esencial. Explicárllelo ao alumnado é sempre fructífero. O oxímoron estimula: espértanos da anestesia que padecemos. Consiste en combinar na mesma estrutura sintáctica dúas palabras ou expresións de significado oposto que pretenden crear un novo sentido. Por exemplo, lume frío ou mirada cega. O domingo, na portada, contemplei un oxímoron extraordinario. Na columna de saída dereita podiamos ler: «Unha xuíza de Marbella retíralle a custodia do seu bebé porque vive ‘en la Galicia profunda'». Sostén que non se dan as condicións para que se críe nun ambiente feliz. Na mesma portada, a catro columnas, o titular era outro. Falaba de Galicia e dos galegos. Dicía La Voz, a través de Sondaxe (que é un instituto de opinión que acerta en todos os seus estudos), que os galegos dan un sobresaliente a Galicia como lugar para vivir e que a maioría deles decláranse felices. Recortei a primeira páxina do periódico. Sigo sendo deses, escasos, que persevera neste hábito: creo que o papel é máis fecundo que unha pantalla. Tamén creo que unha palabra vale máis que unha imaxe. Cousas de escritor. O certo é que tiña diante de min unha ferramenta útil para o curso de literatura. Os contrarios creando un novo sentido. A «Galicia profunda» da xuíza de Marbella e a Galicia real: terra próspera e radiante. Xente feliz, como asevera Sondaxe. Talvez a xuíza redactase máis motivos no seu auto, algo que ignoro, en contra da nai. Porque retirar a custodia dun neno de apenas un ano de idade só por vivir na «Galicia profunda», ademais de inaceptable, sería tamén un oxímoron: xustiza arbitraria. Galicia merece un maior respecto. A xustiza, tamén.