A Galicia «autónoma»: como chegamos aquí?

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

No disponible

26 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

En outubro de 1981 era difícil pensar que a Galicia autónoma -que arelaban os galeguistas- chegara aquí. As primeiras eleccións ao Parlamento galego celebráronse á sombra do febreiro golpista e da «harmonización do proceso autonómico» que pactaban UCD e PSOE, asustados do que escribiran na Constitución de 1978. Do susto xa deran conta en 1979 cando intentaron rebaixar o Estatuto galego, impedírono a mobilización social, a opinión pública galega e moitos políticos galegos -que merecen recoñecemento. Aínda por riba, parte dos nacionalistas eran tan contrarios ao Estatuto de Autonomía que alcumaban de pseudogaleguistas ou rexionalistas aos poucos nacionalistas que se atrevían defender a opción estatutaria como oportunidade de futuro que enxergaba cos degoiros do PG do Castelao do exilio e do Bóveda fusilado. Para completar o panorama, a teima por apelidar históricos aos galeguistas do exilio e aos resistentes do interior, foi a mellor forma de encurrunchalos para intentar zugalos a comenencia por uns e outros cal samesugas. A consecuencia de tanta confusión foi que nas primeiras eleccións votaron menos da metade dos galegos e galegas.

  

Quen ía imaxinar o Parlamento de hoxe? Quen dous gobernos, un tripartito e outro bipartito que gobernaron sete destes corenta anos. Visto no presente parece pouco, visto en perspectiva histórica mesmo parece un milagre. Mais aínda vendo os resultados das primeiras, as segundas eleccións galegas. O nacionalismo autoconsiderado xenuíno só sumou catro deputados de setenta e un. Moita confusión, moita intolerancia e demasiados erros estratéxicos. O tempo amosou que había moito máis nacionalismo na sociedade do representado electoralmente, aínda que algúns sigan pensando que só a «acumulación de forzas» e o «traballo pola base» foi o que o fixo medrar. Nestas catro décadas mudaron máis os dirixentes políticos do nacionalismo que os votantes. Menos a sociedade -agás pola súa desgaleguización- que as posicións políticas das organizacións nacionais. Tres deputados nacionalistas foron expulsados daquel primeiro Parlamento por negárense a xurar a Constitución para testemuñar a súa posición contra o marco político estatal e galego. Un xesto que catro anos despois resolveu Beiras cun caravel e o Sempre en Galiza.

De todo aquilo queda aínda -e moi viva- a batalla pola explicación. O custe de distanciarse en 1981 da posición de Camilo Nogueira -apoiar o Estatuto e prometer a Constitución- seguiu pagándose moito tempo polo nacionalismo. Pero isto xa o escribiu despois das eleccións de 1977 Eduardo Blanco Amor, un clarividente demócrata dos que sabían -por práctica- que era a democracia: a xente non vota a quen non lle ofrece un programa claro, de esperanza e de forzas agrupadas en vez de esnaquizadas e pelexadas. Falaba el de forzas varias e plurais, non da unidade sen pluralidade que era como a maioría do antifranquismo e o nacionalismo entendía daquela o asunto. Corenta anos.