Non nos recuperamos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Luis Tejido | Efe

21 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Eran tres e falaban coa voz un tanto disfrazada. Levaban a cabeza baixo unha carapucha. O fito consistía tan só nun vídeo. A realidade que puideramos imaxinar tras daquela posta en escena era pouco máis ca fantasía. Lembro ver as imaxes unha e outra vez ao longo do día, en distintos medios. Sentíame metida no vórtice dun bucle que o envolvía todo, algo que só pasa con grandes acontecementos a nivel mundial.

Así foi o comunicado co que hai vinte anos ETA anunciaba o abandono das armas. E así foi como eu o vivín: cun nó na gorxa que non me deixaba falar e quería converterse en pranto. Voulles ser sincera: non sentín alivio. Si tiña unha pequena esperanza, por pura necesidade, pero tampouco me fiaba por completo. Sentíame frustrada. Non me parecía que fosen derrotados pola sociedade, parecíame que tan só eles decidiran parar. Ou non! Unha nova estrataxema?

Non resarcían o dano feito. Por suposto, non hai maneira de reverter un asasinato. Pero... arrepentirse? Nin sequera iso?

Sentía carraxe. Moita. Semellábame unha burla. Eu quería máis. Unha entrega de armas, caras descubertas, arrepentimento... e nada diso houbo. Non. Non era suficiente. Porque... quen me aseguraba que aos dous días non cambiaban de opinión e volvían arrasar a calma? Pese á miña desconfianza, os asasinatos cesaron. Mais a sociedade aínda non pechou a ferida. É certo que a situación política é ben diferente no País Vasco, pero o medo a que todo poida saltar polos aires en calquera intre vive latente no aire.