A dor dos ricos

OPINIÓN

M.MORALEJO

12 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Case sempre nos preocupamos pola xente necesitada, pola pobreza de quen non ten nada, nin tan sequera un anaco de pan que levar á boca. É un sentimento ben nobre, que convén aplaudir. Mais, quen se interesa pola infelicidade dos ricos, que deben de sufrir o indicible sabendo que o son e temendo máis ca ninguén por unha morte que xa non lles permitirá dispor de todo o capital. Vén isto a conto, porque estes días, por mor dos novos papeis que ispen a cobiza dos paraísos fiscais, lembreime dun amigo dos meus sogros que naceu nunha aldea estremeña tan humilde coma a súa familia. Tivo unha infancia durísima que se podía resumir na circunstancia de que o pai o xunguía canda o seu irmán porque na casa non había bois para araren. O certo é que, logo de emigrar a Madrid e abrir varias tendas de roupa, este home fixo unha enorme fortuna, e agora, xa vello, sen fillos, paga os impostos coma se lle comesen anacos de súa propia carne. Polo que eu sei, rosma, pero paga relixiosamente. Iso si, logo do «corralito» arxentino, temeu que o asunto se repetise aquí, e mercou uns lingotes de ouro que seica están enterrados nunha finca da súa aldea. Este dato, que llo confesou á miña sogra, pon ás claras o seu sufrimento. Dende o momento en que se converteu en rico, non dorme polas noites. Non gasta un can, o aforro é obsesivo e, sen saber moi ben por que, é escravo das súas propiedades e do seu medo a que será de todo isto cando morra. Dáme pena, recoñézoo, como tamén ma dan esas persoas que teñen millóns de euros metidos en paraísos fiscais e non lles abondará a vida para gastalos. Pobres. Non lles envexo nada. Eu son feliz co que teño e só agardo que este amigo estremeño morra antes ca min, porque o sacho xa está preparado, por se hai que axudar a algún pobre.