Non o inventou

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

11 oct 2021 . Actualizado a las 09:17 h.

Cinco anos sinalada por toda a sociedade. Cinco anos desde que a súa vida non volverá ser a mesma. Ninguén queda impune psicoloxicamente dunha violación. Neste lustro houbo que engadir, ademais, que non a cresen. Porque eles, os cinco mozos condenados pola violación múltiple, negaban os feitos.

Palabra contra palabra. E, xa saben, adoita valer máis a deles, a dos homes. Por riba, estes eran un grupo, unha manda... unha «manada», como eles mesmos se denominaban. Unha conxunto de animais que andan xuntos, así define este grupo o dicionario. Un grupo que buscou a súa vítima, a acurralou nun portal, e a foi violando por quendas.

Ela tivo a fortaleza de denunciar. Hai quen non é capaz de facelo. Pero ela si. Quizais pensamos que iso facilita as cousas. Mais... permítanme que o poña en dúbida. Moitas persoas saíron á rúa solidarizándose, pero a sombra da dúbida, que os acusados e os seus defensores sementaron na sociedade non deixaba de pairar sobre ela, sobre as mulleres, sobre a realidade da violencia de xénero, para que negalo.

Agora, un deses cinco violadores, recoñece a culpa. Violárona, si. Non o inventou. Unha vez máis, non foi unha mentira, senón a triste e crúa realidade. Cinco anos para que a crean. E non porque ela insistise e argumentase os feitos. Non. Crémola agora (en xeral) porque un deles confesou.

Ata cando así? Cando imos abrir os ollos? Os vídeos que eles gravaron esclarecían todo! Pero a sociedade non a creu. E... non o inventou, non o inventou, non o inventou.