Jimena, muller excepcional

Juan M. Lema Rodicio PRESIDENTE DA REAL ACADEMIA GALEGA DE CIENCIAS

OPINIÓN

racg

08 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada 8 de outubro, aniversario do nacemento do Padre Feijoo, o gran erudito galego do século XVIII, a Real Academia Galega de Ciencias celebra o Día da Ciencia en Galicia no que, entre outras actividades, ten lugar o acto central de homenaxe a unha científica ou a un científico elixido anualmente pola academia. Os científicos desenvolven un traballo dedicado, sostido no tempo, descoñecendo, en realidade, se serán capaces de dar resposta ás súas preguntas, sen a certeza de que o seu esforzo sexa válido para resolver problemas específicos, sen demandarse a utilidade inmediata dos seus descubrimentos. O motor da súa actividade é a procura do coñecemento, a curiosidade insaciable, pretendendo contribuír, nun traballo colectivo e solidario, ó avance da humanidade.

O traballo dos científicos é, sen dúbida, vocacional e non busca unha recompensa inmediata. Porén, compre que a sociedade o coñeza como elemento indispensable, que o valore e que, en consecuencia, o apoie. A escolla neste ano non puido ser máis acaída. Jimena Fernández de la Vega representa un modelo a imitar, como científica pero tamén como persoa. Teimuda, valorosa, visionaria, xenerosa. Tivo que superar moitos atrancos para seren admitida e posteriormente cursar, xunto coa súa irmá Elisa, por primeira vez en Galicia a carreira de Medicina, acadando o premio extraordinario. Salienta non tan só a súa arela por descubrir o descoñecido, para o que fixo estadías de investigación cos mellores xenetistas de Italia, Alemaña e Austria. De investigar como os tratamentos hidrolóxicos poderían mellorar a saúde dos pacientes. En suma, de aplicar métodos científicos para acadar respostas.

Jimena procurou, na súa dupla condición de científica e muller na primeira metade do século pasado, vencer atrancos, superar barreiras, pulverizar tabús amosando un completo compromiso coa sociedade. Queremos propoñer a Jimena Fernández de la Vega como modelo de persoa, de muller, de científica que defendeu que o avance da humanidade é directamente dependente do avance do coñecemento científico na procura dun mundo mellor. Un valor que non sempre é suficientemente asumido polo conxunto da sociedade.