Esperanza Ayuso, historiadora

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

COMUNIDAD DE MADRID

05 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é un erro, pero de selo sería freudiano. Sumar o nome de pila de Esperanza Aguirre ao segundo apelido da súa sucesora paréceme máis explicativo que unha sesuda análise política. A anterior presidenta explica á nova e as dúas coinciden en moitas cousas, pero moi especialmente na seu interese pola historia. Un interese que se fai obsesión. O que as une ven sendo un tipo particular de historia: colonial, patriótica e católica, na específica versión imperial contrarreforma.

Xa Esperanza Aguirre, sendo ministra, intentara facer aquela reforma das Humanidades tan polémica, que tiña como obxectivo principal cambiar a forma de explicar o pasado. Aquel embate resolveuse a prol da Historia profesional, cunha particular actuación da Asociación de Historia Contemporánea que, nun encontro celebrado en Vitoria, reuniu a toda á historiografía universitaria -independentemente da súa cor política- para discutir aquel desatino. Xa choveu e pasaron moitas cousas dende aquel discurso de Aguirre na Real Academia da Historia en outubro de 1996. O conto repítese, pero nin os protagonistas, nin o escenario, nin o tempo é o mesmo. Agora domina a comedia.

Calquera pode falar de historia, como de medicina ou de vulcanoloxía, en privado, cos amigos, pero en materia de enfermidades ou de coladas de lava todo o mundo espera con prudencia a opinión experta. Calquera pode falar de vacinas e chips e mesmo hai un debate social sobre o tema e hai persoas -e non poucas- contrarias ás vacinas por culpa dos chips, pero non reciben crédito. Mesmo hai quen defende que a terra é plana aínda que á maioría nos pareza unha broma. Co pasado non sempre se espera a opinión experta. Nesta polémica de Ayuso co papa escoitei a un defensor de Ayuso dicir que o papa era infalible pero que de historia podía opinar calquera, e varios medios de comunicación que algúns cren serios porque se editan en Madrid atrevéronse a defender a Ayuso fronte ao papa. Ese asunto da falta de seriedade xa o ventilou doctamente J. R. Amor Pan nestas páxinas.

Os historiadores alegrámonos do crecente interese pola historia, algúns mesmo consideramos que a historia -en sentido lato- non é patrimonio dos historiadores. A arqueoloxía empezou con cregos que furaban mámoas en Inglaterra, con eruditos que facían gabinetes de curiosidades do pasado, o interese polas antigüidades achegou moito coñecemento e a práctica popular da historia é de agradecer mesmo cando non atende a regras profesionais. Pero o de Ayuso é outra cousa, é un badoco uso político do pasado e un intento de manipulación para seareiros. A exhibición de ignorancia histórica e ideoloxía colonial carpetovetónica que fixo no Congreso dos EE.UU. simplemente debe avergoñar aos madrileños que a apoian e á parte do PP que a sufre. Controlar o pasado segue sendo controlar o presente, pero a historia é un saber experto sometido a discusión, non un conto para nenos. Cando menos en democracia.