E o Nobel vai para... as vacinas

Sonia Villapol CIENTÍFICA DO CENTRO MÉDICO DE HOUSTON, TEXAS, EE.UU., E COMPOÑENTE DO EQUIPO DE INVESTIGACIÓN INTERNACIONAL DA COVID-19 (COV-IRT.ORG)

OPINIÓN

María Pedreda

01 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha luz reloce ó final do túnel augurando o remate da pandemia. Todo grazas ás vacinas. A grande maioría da poboación galega agardou a súa quenda e foi poñendo o brazo a pesar de que as vacinas foron chegando por contagotas. E non é de estrañar, despois de ano e medio de restricións e tanto sufrimento, co peche dos negocios, coa atención sanitaria presencial obstruída, despois de tantas vidas perdidas ou das secuelas que arrastra moita da xente que pasou o covid, como a xente non se vai  vacinar para rematar con este pesadelo?

A vindeira semana anunciaranse os prestixiosos premios Nobel. Sempre vivín esta cerimonia con moito nerviosismo e expectación por coñecer os nomes dos galardoados e o seu aporte ó coñecemento. Cando tiven a oportunidade de acudir a un evento dunha laureada ou laureado Nobel, aproveitei para sacar unha foto ó seu carón, fotos que con orgullo as teño enmarcadas, xa que cada quen ten os seus heroes e heroínas. Cando me preguntaron por quen apostaba este ano, teño que dicir que sería inmerecido que non llo deran aos pioneiros da tecnoloxía de ARN mensaxeiro e ó desenvolvemento das vacinas contra a covid-19, xa que marcaron un fito histórico da ciencia moderna. Na miña opinión, se os doutores Katalin Karikó, Drew Weissman, Ugur Sahin e Özlem Türeci non gañasen o premio Nobel de química este ano, sería unha decepción.

Confeso que teño unha especial preferencia e admiración pola profesora Karikó. Desde o inicio da pandemia ela sabía do que falaba e como se resolvería este problema, daba certo sosego escoitala, e non se enganou. O seu coñecemento daba confianza e forzas. Quizais tamén porque moitas de nós nos sentimos identificadas coa súa traxectoria, unha científica e emigrante. A doutora Karikó, de orixe húngara, chegou aos Estados Unidos cun título, dúas maletas e unha nena baixo os brazos, coma tantas de nós. Cos seus esforzos, sempre alcanzou boas posicións académicas e dirixiu o seu propio laboratorio, e todo isto grazas a crer nas súas capacidades. Pero sobre todo porque a súa carreira científica foi un maratón con múltiples caídas, esa perseveranza nunha gran idea pola que ninguén apostou ao principio, pero con entusiasmo e traballo levouna a avanzar no seu desenvolvemento. A fascinación por descubrir cousas novas non pode dar máis satisfacción a alguén que se dedica á investigación, coa compaña de doses de humanidade. E como ela mesma afirmou, esta fráxil molécula de ARN deulle moita diversión na súa vida.

A xente non vive os Nobel coma os Óscar, será porque en Estocolmo elóxianse máis os logros cá vestimenta, e farase algo máis aburrido. Pero despois dun ano coma o que levamos, ben merecen un pouco de atención. O meu mentor nos Institutos Nacionais de Saúde en Maryland sempre me dicía que os premios Nobel eran todo unha «politicada» con moitos «amiguismos» por detrás, e concedíanse non sempre polos mellores méritos. Emerxe tan boa ciencia cada ano que é moi inxusto galardoar só a uns poucos. A pesar de todo isto, a ilusión das denominacións pálpase, os nomes están nas bocas, e sempre fai ilusión destapalos e dar unha loanza e un aplauso ó seu talento.