Inmundos

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

30 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

É unha especie en perigo de expansión. A súa existencia sobre a terra remóntase aos inicios. Contemplaban a Adán e Eva, espidos. Censuraron tal inocencia. Tiránronlles pedras. Saíron dos seus agochos (detrás de árbores frondosas) e eles, curiosamente, andaban tamén espidos. Miraban con malos ollos a beleza núa de Adán e de Eva, porén eran incapaces de contemplarse a si mesmos. Vían a palla no ollo alleo. Nunca a trabe (de alcatrán) no propio. O seu nome vén do latín. E o latín tomouno do grego: kynikós, é dicir, aquel que pertence á escola filosófica cínica. Eran os discípulos de Antístenes e Dióxenes, dous defensores da independencia moral e intelectual. Paradoxalmente, os cínicos predicaban unha cousa e facían a contraria: con descaro. De aí o seu nome. De aí que o termo orixinal do que provén cínico sexa kynós: can. Os cínicos de hoxe, segundo os dicionarios, son os que actúan con desvergonza. Nada teñen que ver cos cans, mellores persoas que os cínicos: emisores de xuízos morais. Os que pensan posuír a verdade absoluta. Os que non teñen o menor reparo en mentir, calumniar, menosprezar. Son os malos tempos. Hoxe os cínicos reprodúcense exponencialmente grazas ás redes sociais e derivados. Nunca a maldade e a estupidez foron máis globais. Nunca o ser humano foi máis soez. Ou si. Pero a maioría descoñecían tal realidade. Agora todos sabemos que os cínicos son os sátrapas do presente. Unha fauna ominosa á que hai que desprezar. E non ter medo. A pesar de que os cínicos sexan unha especie en perigo de expansión. Sucedeu o mesmo coas ratas durante as pestes medievais. Hoxe só viven no lixo. Na inmundicia: a calidade do inmundo. Iso que contamina e ensucia.