A dimensión da Banda Galega

Camilo Nogueira EXEURODEPUTADO DO BNG

OPINIÓN

María Pedreda

27 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A decisión do primeiro ministro de Portugal de impulsar o ferrocarril entre Lisboa e Porto con Galiza contou co acordo expreso do presidente da Xunta e tamén do BNG. O propósito é bo de por si. Mais tamén nos permite rememorar o alcance que no seu día tivo unha conexión histórica da parte occidental da Península que abarcaba un espazo territorial máis amplo que levou mesmo a que se coñecera na Baixa Idade Media como a Banda Galega unha franxa fronteiriza que alcanzaba ata a serra de Huelva en Aracena, como nos recorda Juan José Fondevilla no texto La Banda Gallega y el castillo de Las Cumbres. Ou a que en Salamanca atopemos a referencia «Aquí se celebran os sínodos compostelanos» na parede baixando pola escaleira da catedral vella. Daquela a cidade contaba coa universidade máis antiga da Península, con profesores galegos formados en Santiago, Boloña e París.

Desa presenza medieval galega ata a Banda Galega quedaron pousos aínda visibles ,comezando por Estremadura e con ela Cáceres, en palacios galegos do casco histórico, como o palacio de Sancho Sánchez de Ulloa. Ou as «falas esencialmente galegas» coñecidas como a fala do val do Ellas, de Xalima ou dos tres lugares, estudadas polo profesor Xosé Henrique Costas. Tamén topónimos como o de La Fregeneda en Salamanca, indicado en documentos antigos como «La Frexeneda», pola presenza de freixos.

O feito de se denominar a Banda Galega é tamén unha mostra da vizosa presenza que tivo política e culturalmente o noso país naquel momento histórico do que temos tantas mostras, mesmo o fragmento galego-portugués do Livro de Tristam, que probablemente foi traducido no último terzo do XIII do francés ao galego-portugués, «mui probabelmente na corte portuguesa» por copistas da terra meridional de Toroño, na diocese de Tui, na lingua da fronteira galego-portuguesa nas máis antigas terras de convivencia, como explica o Consello da Cultura Galega.

É preciso revitalizar os lazos históricos, económicos e culturais. O propósito de unión mediante un ferrocarril modernizado con Portugal e o resto da Banda Galega pode materializarse. Desde o Tui coa porta de Portugal no Miño. Con todo disposto para ter continuidade facendo real o corredor Atlántico mediando Palencia, Cantabria, o País Vasco e Navarra ata entrar na Francia.