O ritmo do tempo

Cristina Pato
Cristina Pato A ARTE DA INQUEDANZA

OPINIÓN

JAMES ROSS | Efe

24 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda non aprendín o ritmo do tempo neste ano pandémico. Todo o que me aconteceu antes de marzo do 2020 semella que pasou hai unha eternidade... Coma se fora un capítulo dun libro dunha vida anterior que xa nada ten que ver con esta. Coma se houbera dúas persoas distintas: a de antes de marzo do 2020 e a de despois. E por outra banda, as decisións que tomei desde a pandemia parece que levan comigo toda a vida, a pesar de que supuxeron un cambio radical no meu xeito de entender a miña relación co tempo: nin todo ten por que ir tan á présa, nin todo ten que ser para xa.

O outro día fun recoller a miña nai para ir ao velorio dun ser querido. Parei o coche na praza do Ferro, e, como non se pode aparcar alí, chameina por teléfono para dicirlle que baixara canto antes. Pero aos dous minutos, a miña nai saíu pola fiestra, sacou dúas chaquetas, unha en cada man, e berrou «esta ou esta?». Saín do coche, fixen un sinal de «aquela» e volvín para dentro. Entón a Maruxa abriu a fiestra de novo. Agora eran dúas camisas, e desta xa nin berrou; sacounas pola ventá e eu sinalei a que me pareceu. E quedei pensando que a ese ritmo iamos chegar máis tarde do previsto. E de súpeto asombreime, porque non me importou: «Que présa tes?», musitei.

Entón a Maruxa sacou un feixe de fulares, mirou para min e non dixo nada. E eu escachei coa risa, esa risa que tanto agradece unha cando so ten ganas de chorar, e berrei: «Lévaos todos mami, xa escolleremos un no coche».

E a Maruxa baixou, e fomos ao velorio. E á volta emocioneime pensando no fermoso que fora ese momento. E no importante que é saber desfrutar dunha espera, pois a maxia acontece cando desaparece a impaciencia.