Profesionais da nada

OPINIÓN

Ricardo Rubio | Europa Press

23 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai moito, un profesor de Tecnoloxía veu laiárseme das faltas de ortografía que un compañeiro cometía no enunciado dun exame que lle puña ao seu alumnado. Vino tan alporizado na súa denuncia que non fun quen de lle explicar que as faltas eran inexistentes e só estaban na súa propia ignorancia e, sobre todo, na súa imprudencia. Lembreime del porque onte vin como se burlaban dunha xornalista que meteu a zoca preguntando en directo polos consellos que se lles podían dar a bombeiros e protección civil para apagaren o volcán o máis axiña posible. Sospeito que ela quería dicir controlar en vez de apagar, como tamén teño para min que a ministra Reyes Maroto non quería tapar a desgraza agoirándolle un futuro turístico prometedor á illa despois dos estragos do volcán. É certo que hai uns mínimos esixibles para xornalistas, mesmo para ministros, pero ninguén é infalible e estar diante dunha cámara trae estas cousas. Hai quen se desenvolve mellor e ten o peteiro máis fino, pero non sempre abondan as palabras. Cómpre certa preparación e, xa se sabe, quen é especialista en todo non é profesional en nada. Velaí as cadeas de televisión e as emisoras de radio ateigadas de expertos que o mesmo falan de economía política que de fútbol. Esa facilidade para ir dun tema a outro é algo fascinante. Dun día para outro, coma por ciencia infusa, eses centos de virólogos viran, nunca mellor dito, en vulcanólogos e explícannos unha leria magmática chea de rochas ígneas, tanto intrusivas coma extrusivas, e ficamos abraiados diante de tanta sabedoría, ata que a súa falta de prudencia fai agromar en calquera intre a lava da súa ignorancia, como lle aconteceu a ese profesor que puña en dúbida o creto en ortografía do compañeiro de Lingua e Literatura.