
Neste mes de setembro España superou por primeira vez o millón de persoas con grandes fortunas, é dicir, españois que teñen máis dun millón de euros de patrimonio. O dato é o oficial, polo que, desconfiados como somos, atrevémonos a dicir que serán moitos máis, pois moita xente con pasta o que fai é ter os cartos agochados en paraísos fiscais, xa saben, eses lugares que a ONU e outros organismos supranacionais se comprometeron (fano de cando en vez, para que non nos esquezamos, para que sigamos confiando) a eliminar por inxustos pero que aí seguen porque, no fin de contas, cos ricos non se mete ninguén. Xa terían que estar suprimidos pero continúan, para vergoña de todos e de todas.
Sempre me alucinou tanta cobiza. Xente que é moi rica, riquísima, riquérrima, e que, polo tanto, podería pagar tranquilamente impostos no seu país e, aínda así, seguirían sendo ricos, riquísimos, riquérrimos. Pero non, a cobiza é así de irracional. Procuran lugares onde agochar os cartos, como se os gañasen dun xeito ilícito (en moitos casos será así), para que a Facenda, esa que é para todos, tamén para os reis eméritos, non os pille e así poder ter máis e máis e máis cartos que seguirán almacenando en distintos países con bancos opacos. Como o Manolito de Mafalda, hai archimillonarios que o queren ser máis e buscan sociedades pantallas, empresas pantasmas, testaferros, falsas doazóns… o que sexa con tal de non ceder nin un céntimo de euro ao erario público.
Todo isto que escribo non tería a máis mínima importancia se non fose porque tamén neste mes de setembro España bateu a súa propia marca de pobreza. Distintos informes de ONG solventes informan de que temos aproximadamente 12 millóns de persoas en risco de pobreza ou exclusión social. Para acabar de matar o asunto, lemos que hai 711.600 persoas máis nesta situación que no ano 2019. Lean ben a cantidade: 12 millóns de españois.
Así pois, ao tempo que medran o número de millonarios, medra o número de pobres de solemnidade. Non hai que ser un xenio para entender que non son aceptables eses dous datos convivindo xuntos. Alguén podería dicir que non teñen nada que ver. Pero si, si que teñen que ver. Porque facerse rico ou facerse pobre ten moito que ver co sistema económico e, digamos, con tradicións herdadas. Porque moitos deses millonarios, a inmensa maioría deles, partían con vantaxe, pertencen a familias «bien», puideron estudar en bos colexios, tiveron máis oportunidades. Igualmente, os que nacen en familias pobres, en exclusión social, teñen menos oportunidades, estudan como poden, abandonan antes aínda que teñan talento. Está demostrado que a pobreza, como a riqueza, é algo que se herda. Coma a propensión a alopecia ou a cor de ollos. Os dous datos, xuntos, só significan unha cousa: vivimos nunha sociedade profundamente inxusta.