A manía de comer

Llerena Perozo Porteiro ECOFEMINISTA. SOCIA DE A GARGALLEIRA, PROXECTO AGROCULTURAL

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

22 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ano e medio do confinamento: quince meses en desescalada, preto do 80 % da poboación vacinada, o virus que chegou para ficar e entramos na sonada era pos-covid. No oxímoro da «nova normalidade». A galega é unha cultura social. Devecemos por retomar a vida de portas para fóra, sen máscaras e con apertas. Porén, aquela fin de semana de marzo do 2020 saír á rúa deveu nunha aventura arriscada. Había que ficar dentro e ocupar o tempo, en prol da nosa saúde mental.

Poucos días antes asistira a un encontro de editoras. A cousa pintaba mal, mais isto non era novo. A xente non mercaba libros e as contas non daban. O mal endémico da pretendida industria cultural galega, a precariedade, apoderábase da nosa realidade cada vez con máis forza. Coma sempre na nosa historia, non tiñamos máis recursos propios e demandabamos da Administración un apoio económico e un esforzo educativo que nunca chegaban. Outros sectores, coma o teatral e o audiovisual, manifestaban atrancos semellantes.

Xa podemos ir ás librarías. Hai pouco visitei a un amigo libreiro, referente galego do seu oficio. Está moi contento. 2021 está a ser un ano excelente. Esa é a súa tese. Eu fágoa miña porque me agrada. Na pandemia a cultura contribuíu a preservar a saúde mental. Non podemos esquecer como, aquela mesma fin de semana, as editoras puxeron os libros a disposición na rede, de balde. Como as plataformas liberaron filmes e series. Como a música enchía os fogares. Mais saíu danada. Sen directos, sen comercios, ficou magra e máis feble. Paro. Perdas, ERTE, ERE. Malia todo, o discurso do accesorio da cultura prevalece. A idea errada de que é subvencionada segue establecida. A cultura ten un público moi mal educado. Porque aprendeu a non pagar por ela individualmente ao tempo que considera que tampouco debe ser apoiada desde as administracións. Que non asume que quen crea ten un valor e a manía de comer. No confinamento soñamos que aquilo era unha oportunidade. Que repensariamos o noso modelo. Que as administracións recolocarían prioridades. As industrias culturais, que xeran o 2 % do PIB galego, que empregan a 30.000 persoas, seguen pendendo dun fío moi fino. A cultura é lecer e tamén ser, sermos. É precisa, e precisa que isto sexa asumido pola cidadanía e a gobernanza. Do contrario, non teremos aprendido nada. E a oportunidade será só un soño perdido.