O que a universidade é

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

OSCAR CELA

21 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Wenceslao González Manteiga acaba de obter o premio Nacional de Estatística. Merecidos parabéns para un profesor discreto, brillante e traballador; ao meu colega Núñez Seixas déronlle o ano pasado o de Ensaio que hai anos lograra Xusto Beramendi, historiador tamén. Podería seguir con J. J. Nieto, compañeiro de Wenceslao, que leva anos sendo un dos matemáticos máis citados do mundo, ou con tantas outras como María José Alonso (farmacia), o seu colega Carracedo (medicina), gañadores do prestixioso premio Jaume I, ou J. L Mascareñas, premiado hai uns anos co principal galardón da química española. Todo isto sen saír de Compostela.

Falan os reitores de que a universidade galega está mal financiada. Falan ben. Os resultados son moi superiores ao financiamento -que está dez puntos por debaixo da media da OCDE-, vén de explicar neste xornal o reitor da Coruña coa precisión do microbiólogo. Non falo de méritos atribuídos ou autoatribuídos, senón de recoñecementos externos, de resultados mensurables, obxectivables. A reputación en ciencia é sagrada e as nosas universidades téñena. Porén mesmo as árbores con mellores raíces acaban morrendo sen o aporte necesario de nutrientes. Na última década a Universidade de Santiago recuou nas súas posicións investigadoras e docentes, das 80 universidades do Estado español (48 públicas e 32 privadas) pasou de estar entre as cinco primeiras a situarse nas dez primeiras. Non está nada mal, pero manterse ou recuperar posicións require músculo financeiro ben empregado. As universidades galegas compiten como competimos en pesca ou confección. Houbo un tempo en que éramos punteiros en estaleiros, pero pasou.

O extraordinario é manterse na tona das mellores coas dotacións públicas actuais. E non hai outras. Isto non é América. Non hai fideicomisos millonarios ao dispor das universidades nin mecenas capaces de ceder a esquina da Quinta Avenida, fronte ao Empire State, a unha universidade pública. Tampouco temos a Ivy League das privadas pero a cambio todos podemos estudar sen endebedarnos e sen que os nosos pais deseñen complexas estratexias dende antes de nós nacer como fan en América. A contrapartida é que en Europa o financiamento é público. Compre lembralo agora que toca novo plano de financiamento.

Entre as universidades novas, Vigo foi subindo como a espuma, segundo eses rankings que recollen os resultados de dúas mil universidades do mundo -existen máis de trinta mil-, lograra chegar ao posto 750 na última década pero nos últimos anos empeorou cincuenta postos. Tamén Santiago baixou do 450 ao 700. En Galicia hai agora uns 60.000 estudantes universitarios de todos os niveis, o profesorado non supera os 5.200 e as universidades reciben ao ano 450 millóns de euros. Na loita contra os incendios forestais en Galicia os efectivos pasaron na última década de cinco mil a sete mil. Este ano o custe do servizo acadou case a metade do que nos custan as universidades. As comparacións son útiles. A sociedade decide.