A violencia consumida

OPINIÓN

STRINGER

15 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Unha vez rematado o rápido proceso de evacuación dos EE.UU. e os países aliados da OTAN, pon medo imaxinar quen nos informará do que pase dentro de Afganistán onde, segundo expertos, quedan miles de persoas en perigo que saben que a promesa de amnistía xeral dos talibáns é unha trola tan grande coma un mundo. Quen nos contará das execucións sumarias de civís, das violacións, da represión violenta contra calquera manifestación, do sufrimento terrible que lles agarda a milleiros de mulleres e nenas?

É probable que haxa quen arrisque a vida para nos informar dende dentro da traxedia porque, ás veces, o horror está ao alcance de quen poida ter un móbil. Pero, que efecto terá iso en nós?

A pregunta fai que lembre as palabras dunha refuxiada siria que coñecín e que cubriu dende o terreo bombardeos diarios e ataques contra civís. A súa idea era contrarrestar a narrativa do réxime e construír pacificamente outro relato que convertese a súa revolución na máis documentada da historia. Cada vez que subía fotos ou vídeos a Internet dende un centro de medios ou dende a azotea dun edificio, onde era máis fácil coller o sinal e tamén sufrir un ataque, a súa única intención era a denuncia. Ela mesma aparecía moitas veces en canles estranxeiras e árabes para achegar unha exhaustiva cobertura do que estaba a suceder nos barrios máis castigados de Alepo. Co paso do tempo, esta muller sentiu que contribuíra a estetizar a violencia e anestesiar os espectadores occidentais que xa non querían máis imaxes da guerra. E iso pode volver pasar coas novas que, coma fabas contadas, nos cheguen de Afganistán. Consumiremos violencia até que esta se volva cotiá e se converta en algo peor que a tolerancia, que é a nosa indiferenza.