Os que non van ao cole

Francisco Castro
Francisco Castro ESCRITOR E EDITOR

OPINIÓN

RAYNER PENA R

09 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días vemos nenas e nenos volvendo ao cole. Vemos imaxes nos telexornais de cativiños agarrados ás saias de mamá chorando por ser a primeira vez que os deixan así, tan desvalidos. Veremos adolescentes ruidosos chocando os puños cos compañeiros e compartindo fotos de móbil. Veremos, de novo, un profesorado heroico dando clase, co tapabocas posto, a grupos numerosos de máis, indecentes para poder impartir un ensino de calidade, sen perder por iso a ilusión. Volve, xa que logo, a normalidade. Cando menos, a normalidade occidental.

Porque non é así en todas partes. Leo, e cúrtaseme a dixestión do almorzo, un informe de Save The Children no que alerta -agárrense que veñen curvas- de que hai 1.600 millóns de nenos e de nenas no mundo sen escolarizar. Máis nenas que nenos, por suposto. Antes da pandemia eran 258 millóns, o que xa resultaba algo inaturable. Agora, cos problemas derivados da covid-19, subiu a cifra ata ese número indecente que veño de deixarlles aí e que quero que volvan ler: 1.600 millóns de nenas e de nenos. Máis nenas que nenos, por suposto.

Para moitas e moitos cativos, non ir á escola significa xa non só que perden a oportunidade de mellorar futuras condicións persoais (saír da pobreza), senón tamén a posibilidade de perder un espazo seguro, controlado, lonxe do abuso dos adultos. Para moitos, é a única garantía, ademais, de poder comer algo parecido a comida, non necesariamente quente, e unha vez ao día. Remata o informe explicando que, sen acceso á educación, veranse abocados, eles, ao traballo infantil, e elas, á explotación sexual, ao matrimonio con homes maiores aínda que sexan nenas e, por suposto, a toda clase de abusos.

Estamos, pois, como sinala Save The Children, diante dunha emerxencia educativa que, lonxe de ser algunha especie de maldición bíblica, ten solución. Téñena cuantificada, de feito. Solucionar isto tería un custe de 35.000 millóns de euros, cantidade que, coma eles demostran, existe en distintos fondos do Banco Mundial que, digo eu, debería estar para este tipo de cousas. A cantidade pode parecer desorbitada, a non ser que a comparemos con outra. E agora será cando alguén dirá que facemos demagoxia, que adoita ser a acusación que se fai cando algo é moi obvio e, de paso, incómodo e verdadeiro. Porque si, acertaron, o gasto militar no mundo ascende a 1,98 billóns de dólares. E por certo, mentres o gasto mundial en escolas descende, o de pegar tiros e fabricar minas anti-persoas que pisan nenos e nenas que non están escolarizados, subiu un 2,6 % o último ano.

Volve a nosa cativada ao cole. Son afortunados. Unha chea de nenos non poden. E sobre todo nenas, por suposto.