A continuidade do relato

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

A

05 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A antiga historiografía grega (Heródoto) databa contra o ano 1250 a. C. a chamada guerra de Troia, enfrontamento das cidades gregas coa poderosa Ilión, que dende o seu asentamento estratéxico no paso de Dardanelos, no noroeste da península de Anatolia, controlaba o comercio da época da Idade do Bronce. Seica a guerra durou dez anos, mais debeu ser tan feroz, tal pegada deixou na memoria das xentes que a noticia dos seus heroes correu de voz en voz, transmitida de xeración en xeración, ata acabar fundamentando un dos relatos básicos da nosa cultura occidental. O mundo clásico (Grecia e Roma), o mundo artúrico (céltico e xermánico), a Biblia e as conexión de Oriente, que en moitos casos chegan inicialmente a través das conquistas de Alexandre Magno, son os grandes esteos sobre os que se ergue a nosa cultura, se acaso cun espiñazo que a reactiva historicamente a partir do século IX: o camiño de Santiago.

O relato deste universo remóntase a case cinco mil anos. Os antigos rapsodos transmitían a súa memoria a través de cantares, primeiro oralmente, máis tarde por escrito, en papiros e en libros. ¿Cantas películas se rodaron recreando este mundo? ¿Cantas obras de teatro? ¿Cantas novelas? Tamén en lingua galega, dende a Crónica Troiana no século XIV a recreacións contemporáneas. ¿Cantas representacións plásticas? ¿Cantas producións gráficas en banda deseñada, cromos, series de televisión, programas de rol? O relato é o mesmo, aínda que en cada momento histórico poida adoptar distintas representacións. E o mesmo sucede coa Biblia, os relatos artúricos, o mundo dos antigos celtas, as lendas xermánicas…

Celebráronse estes días en Vigo as III Xornadas de Videoxogos e Literatura, organizadas pola Fundación Carlos Casares, cunha importante presenza de xente nova, malia os condicionamentos de aforo pola pandemia. A tecnoloxía do streaming vence estas limitacións. Alí estaba o relato (vivo). A empresa GatoStudio prepara un ambicioso proxecto de videoxogos que se apoia no mundo céltico e medieval (The Waylandres), dispoñible en varias linguas, tamén en galego. Trátase dun esforzo importante no que levan traballado varios anos e que intelixentemente aproveita unha das nosas mellores etiquetas: o mundo xacobeo-céltico, coa fantasía interactiva que queiran achegar os usuarios . E non é o único caso: en Vigo e Santiago de Compostela hai iniciativas empresariais deste tipo que ben merecen un plan estratéxico de futuro por parte da Administración. A Universidade da Coruña prepara un grao especializado nestas tecnoloxías. Laksmy Irigoyen presentou no 2016 unha tese de doutoramento na USC (en lingua galega) titulada A construción narrativa dos xogos de rol, cunha importante achega de carácter técnico, dende os xogos tradicionais ás novas formas de creación e comunicación. Unha nova xeración peta na porta. Hai que animalos a entrar.