Loitadora

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

María Pedreda

02 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa non é que tivesen unhas condicións laborais marabillosas antes, pero desde marzo de 2020 os profesionais da medicina veñen sendo coma unha especie con superpoderes. Doutro xeito, non sei como terían aguantado estes tempos. Amais do persoal sanitario poderiamos incluír aquí algún outro grupo, pero hoxe a miña mirada está posta neles, en xeral, e nunha médica en concreto: Susana Rodríguez Gacio.

Hai moito tempo que non ten descanso, coma os seus compañeiros. Por iso me parece máis incrible aínda que saque forzas para practicar deporte. Non, non é que saia correr un pouco para desestresarse do traballo, é que adestra de maneira profesional. E tan profesional! Regresa a Galicia desde os Xogos Paralímpicos de Toquio cunha medalla de ouro ao pescozo, en tríatlon. E un diploma olímpico en 1.500 metros!

Susana ten, como máximo, un 8 % de visión (noutro ollo aínda menos). Provócallo o albinismo. A súa fortaleza está a proba de calquera atranco. Fíxoa protagonizar portadas das máis importantes revistas a nivel mundial. Aquí non abre a sección de deportes nos noticiarios, cando deberamos estar falando dela durante semanas seguidas.

Hai moito tempo que penso que a cultura, o deporte e outras disciplinas deberan amosarse doutro xeito, centrándose só nos valores que as sustentan. Bos exemplos para espallar temos, diso non hai dúbida. Tamén creo que, quizais, hai cousas para as que é preciso posuír unha condición humana especial. Susana naceu loitadora. Grazas polo teu exemplo e esforzo.