A historia interminable do xabaril

xacobo feijoo lamas AL DÍA

OPINIÓN

ALBERTO LÓPEZ

29 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Consellería de Medio Ambiente ven de publicar no Diario Oficial de Galicia unha serie de disposicións coas que se flexibiliza a caza do xabaril en 168 concellos de Galicia durante os próximos meses, como un desesperado intento de conter os máis que previsibles danos que se ven vir nesta campaña de millo causados por eses animais. 

Uns danos no agro galego que suman non menos de doce millóns de euros cada ano nas explotacións de forraxe, aos que hai que sumar os accidentes de tráfico provocados por esta fauna, que xa superan o número de 3.200 cada ano nas estradas galegas.

Independentemente do resultado que teñan estas medidas que se aplicarán en réxime de emerxencia cinexética nos concellos sinalados, estas disposicións non van ao fondo do problema: controlar as poboacións de xabarís, especialmente nas comarcas agrarias con gran presenza de cultivos, e indemnizar de forma xusta aos agricultores e gandeiros afectados.

O control de exemplares non vai ser posible mentres a Xunta siga sen asumir a súa responsabilidade, e pretenda que sexan os 400 tecores e sociedades de caza os que planifiquen e decidan que número de animais tolera, e como van xestionar os danos que provocan.

Esa orquestra de 400 músicos precisa dunha partitura común e un director.

O pago xusto dos danos non vai ser posible mentres sexan os tecores e as sociedades de caza os que carguen coa responsabilidade do pago dos mesmos, pois a caza social galega non ten doce millóns de euros de ingresos recorrentes nin de lonxe.

Cómpre que neste tema o presidente da Xunta chame á orde á desaparecida conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, para que tome o liderado que lle compete, e convoque aos sectores da caza e do agro para reformar o marco legal para afrontar este complexo problema.

Ata entón, parche a parche, o problema dos danos da fauna salvaxe no agro galego vai seguir repetíndose como unha historia interminable.