Suscríbete 1 año y te regalamos 140 días gratis
Quiero la oferta

Uniformes

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

emilio moldes

27 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Conversa de bar. Dúas mulleres pasan da mágoa inmensa polas afgás a comentar un problemón: por primeira vez en nove setembros non hai que mercar uniformes. «Co riquiñas que estaban coas saias de cadros!». Poño a orella. Interésame o tema desde que case non saio viva dunha cea por dicir que a rapazada matriculada no ensino público debería levar o mesmo chándal, de deseño galego, por suposto. É a única maneira de garantir que as nenas xoguen como teñen que xogar, dixen mentres alguén se refería á cicuta para mitigarme este vicio feminista de desmontar o mito erótico das nenas de uniforme. Na televisión, Kabul, pero as señoras xa non miran. «Discutimos porque ela quería comprar un par de tops curtos e uns pantalóns rachados, e na nota estaba moi claro que nada de escotes nin de vérselles o embigo». «Pois non sei que mal fan», dille a outra sen sacar a vista das imaxes do aeroporto de Kabul. «Iso lle dixen eu á titora, pero contestou que os rapaces andan desbocados, e que é mellor que se tapen, para evitar problemas».

Hai anos, un profesor do colexio en cuestión foi denunciado por expulsar de clase unha alumna porque o seu escote «non o deixaba concentrarse». O mestre segue alí, e deducín, despois dun silencio que só romperon cunha nova referencia ás pobres afgás e un cambio radical de tema (barras de labios), que o asunto se resolveu cunha maior atención ao vestiario das meniñas. As miñas veciñas de mesa, igual que na miña cea da cicuta, non contemplan a necesidade de esixir que o colexio eduque (oh!) na idea de que os corpos das rapazas só lles pertencen a elas, ou que as mulleres, aquí e en Afganistán, non provocan polo feito de estaren.

Amigo conselleiro de Educación, valore o asunto dos chándales: iso si que evitaría problemas.