Reservas

OPINIÓN

serafín valladares

22 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai trinta anos, nunha viaxe quixen probar as augas do Mediterráneo para dar un baño e baixei a unha praia de Cullera. Había tanta xente que me custou un mundo atopar un anaco de area e, xusto no intre en que ía estender a toalla, unha vella, parapetada de neveiras, espetoume que tiña moita cara para chegar ás once da mañá e querer primeira liña. De primeiras, fiquei abraiado e pareceume dun surrealismo tan cómico que case estiven a piques de contestar con ironía, pero non o fixen porque a muller falaba en serio e axiña atopou a complicidade dos demais veraneantes que deixaron caer sobre min todo o peso das súas olladas. Lisquei de alí a fume de carozo para evitar un linchamento e prometín non volver máis a unha praia tan masificada. Que necesidade tiña! E, dalgún xeito, cumprín coa promesa. O que non podía imaxinar daquela era que algo así puidese acontecer nas nosas praias. Velaí a policía local de Cangas que seica deu en multar nalgúns areais porque hai persoas que, de madrugada, deixan toallas, cadeiras e parasoles que lles garanten un lugar privilexiado para cando lles pete baixar a esas praias. Non me estrañaría que rematásemos como no Mediterráneo, usando aplicacións para reservar con antelación o espazo da praia. Pero, non nos enganemos, a tecnoloxía non é democrática e non evitará os listos, que tamén os temos en Boiro, na quilométrica praia de Barraña, con centos de árbores ao dispor público. Todas as tardes, na zona en que adoito pórme, vexo sempre unha familia baixo a mesma sombra, coma se vivise alí. Mais neste caso non é porque madruguen, senón porque deixan dun día para outro unha cadeira atada ao tronco da árbore, iso si, co detalle orixinal duns zapatos de neno pendurados dunha rama. Un efecto ridículo, si, pero disuasorio.