Circunstancia e contexto

Pedro Puy PORTAVOZ DEL PPDEG EN EL PARLAMENTO DE GALICIA

OPINIÓN

Georgi Licovski

22 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Ser ou non ser?... Depende das circunstancias». O prezado Pancho Pillado, que lamentablemente nos deixou hai uns días, regalounos nun dos seus derradeiros escritos este aforismo que proba, como el mesmo e Xavier Seoane explican, o apropiado que resulta o xénero aforístico para os «chamados galegos: eses tipos atlánticos, de miolos por veces algo húmidos, pero de cando en vez escintilantes e retranqueiros como un aturuxo de gaita ou o bisturí dunha sentenza».

Toda crise, sexa no ámbito que sexa, adoita poñer en cuestionamento a forma na que entendemos o mundo que nos rodea. Aparecen novos factores, imprevistos, que xeran incertezas e contribúen a desestabilizar as nosas crenzas e actitudes, se con elas non podemos explicar ou dar resposta ás novas realidades. Que esixen contextualizar, ou mellor dito, recontextualizar: poñer as cousas en perspectiva, sacar proveito da experiencia e aceptar a realidade. De non facelo, corremos o risco de «deixar de ser», ou destruír o noso propio mundo interno.

La Voz de Galicia do pasado mércores, lida paseniño, dábanos un excelente contexto do momento que vivimos. A desesperación das mulleres afgás pola restauración do emirato islámico, en contraste coa traballadora pontevedresa que se desesperaba por non ter sido aínda vacinada. A paralización do sector da construción ocasionada pola escaseza de materias primas, e a lóxica queixa da hostalería polas limitacións que a pandemia e a autoridade sanitaria lles impón. A entrega a España dos primeiros 9.000 millóns de euros do fondo comunitario para a recuperación… e a iniciativa soberanista do BNG no terreo fiscal. Unha relación que evidencia as contradicións expostas xa antes da pandemia por Rodrick no seu coñecido trilema (La paradoja de la globalización, 2012), segundo o cal non podemos ter á vez integración económica internacional, democracia política e un Estado-nación. O trilema de ter que elixir entre ter estados-nación restrinxidos na súa capacidade de actuar pola globalización e os movementos de capitais, pero sen apenas ou ningunha democracia; ter estados-nación democráticos pero pechados á globalización; ou ter globalización e democracia, pero substituíndo o tradicional Estado-nación por formas de federalismo a varios niveis, incluído o internacional. Precisamente a fórmula que representa unha Unión Europea na que as mulleres poden exercer os seus dereitos, tamén o de vacinarse na sanidade pública; os mercados teñen tamaño dabondo para impedir a paralización total da subministración e garantir o seu funcionamento; e a capacidade de xerar recursos (incluído o endebedamento) co que desenvolver políticas redistributivas, como as que representan os fondos que a UE vén de aprobar (en perfecto exercicio de recontextualización tras a crise financeira da pasada década), e cos que apoiar á hostalería.

Como non podía ser menos tratándose de Pancho Pillado, noutro dos seus escintilantes e retranqueiros aforismos afirmaba que «logo de ver os informativos das televisións… menos mal que nos queda Valle-Inclán». Desde logo… Pero tamén, despois de ler o xornal impreso do pasado mércores, e dadas as circunstancias, menos mal que estes tipos atlánticos, de miolos por veces algo húmidos, somos Unión Europea.