Os papaventos de Kabul

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Ministerio de Defensa

21 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Por primeira vez en vinte anos, este outono o ceo de Kabul non se encherá de papaventos. Igual que calquera cousa divertida, foron prohibidos polo réxime talibán en 1996 disque porque son un desafío a Deus, que precisa toda a súa celestialidade intacta, polo menos no que respecta á vertical das fronteiras de Afganistán. Pero en 2001 os papaventos volveron cando as nenas e nenos afganos, entre os blindados norteamericanos, os primeiros valentes afeitados e algunhas ousadas soas e en pantalóns, conquistaron o ceo coas súas fráxiles teas e fitas de cores. Os helicópteros militares non tiñan máis remedio que esquivalas, e deixarlles sitio.

Daquela, a rapazada de Kabul xa xogaba a facer batallas cos papaventos. Rachaban co seu o dun rival a quen logo revendían o seu propio xoguete roto. É a lóxica económica dos papaventos afgáns que, coma os nenos, están sempre cheos de remendos, ateigados de tiritas feitas cun celo que, en realidade, resalta as cicatrices. Os xornalistas europeos pagábanlles un dólar polo relato do voo dos papaventos en Kabul. No dólar cabían tres xoguetes, pero eles preferían mercar o mellor, o de nylon, o que destrúe todo o que toca e volve intacto á casa. Velaí o dólar.

Os talibán agora ocupan o campo onde voaban papaventos en novembro, e, coa súa escenografía ameazante, fixeron saber ao mundo que xa non son os de antes. Falaron de mulleres, sobre todo, porque saben que no Kabul de 2021 todo o mundo ten un móbil para filmar como cortan os dedos das mozas que pintan as unllas, ese xesto revolucionario. Pero nada dixeron dos papaventos. Saben o que calan, porque, mentres non haxa papaventos en Kabul, as nenas esmorecerán nas casas e os nenos tomarán as rúas ateigadas de fusís.