A temperatura do cambio

OPINIÓN

Mónica Irago

18 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Se un non ve o cambio climático na propia pelica, o máis doado é arrimarse a un negacionismo de salón. Pero cando as poutas desta desgraza para a humanidade tocan de preto, até o máis descrido entende que hai que facer algo. Un destes efectos disuasorios é a calor que na última semana acadou nalgúns lugares temperaturas nunca vistas e encheu as conversas e as noticias dos medios de comunicación coma unha labarada indiscutible de que a terra está a se queixar. Non é para menos. Resulta estraño que haxa negacionistas onde a temperatura sobe dos corenta graos. A min a calor ponme fóra de min, afecta o meu humor e non me deixa concentrar. De aí que haxa moitos lugares do Mediterráneo que quedan para cando me xubile e poida ir en datas distintas ao verán. A miña temperatura ideal son os vinte graos. Por iso escollín un lugar de comenencia para vivir que non se afaste dese número. As predicións do tempo ficaron estes días tan tatuadas na conciencia que eu non fun quen de saír do cuarto onde teño un ventilador de ferro que xa pertence a outro século e aínda dá un aire case acondicionado. Non quero nin imaxinar a calor en Córdoba ou nalgún lugar de Italia. As miñas fillas din que vivo nunha cova porque, mentres non se pon o sol, baixo todas as persianas para manter a casa o máis fresca posible. Son técnicas de supervivencia que aprendín cando traballaba en Madrid e, máis dunha vez, saía da oficina con corenta graos e estaba danado por chegar á casa e meterme na bañeira para estar un nada máis fresco. Poida que haxa quen diga que estas noticias son as de todos os veráns, mais eu xa hai tempo que veño sufrindo o cambio climático no corpo e vexo perigar esas viaxes adiadas para a miña futura xubilación.