Paseniñamente vanse retomando os concertos de música que a pandemia case impedira na súa totalidade. Son eventos diferentes aos que coñeciamos antes, coa xente sentada, con máscaras, con distancia social, con moitas medidas de bioseguridade pero, polo menos, xa hai a posibilidade de facelos. Vivimos como unha transición a un novo tempo ao que non vai ser nada doado chegar en plenitude, xa que o noso xeito de socialización, xunto co ritmo de vacinación, non acaban de devolvernos á normalidade anterior.
A música, en xeral, viuse directamente afectada con toda esta situación e agora toca comezar a recompoñer o gran problema creado polo paréntese obrigado. Moitas propostas apaixonantes foron quedando polo camiño, outras quedaron conxeladas, á espera, e todos sufrimos o impacto de non poder traballar coa regularidade anterior. Pese a todo, coa ameaza constante dunha pandemia que vai e vén, a vida segue e hai que continuar; ademais a música ao vivo é sen dúbida unha boa terapia despois de todo o vivido. Así, os concertos vanse retomando.
A actividade neste eido recupera un pulso que no ano anterior apenas tiña, mais é ben certo que, para que sexa como era, aínda terá que pasar tempo. A práctica totalidade dos festivais musicais do verán adiáronse e o que queda é ir progresando amodiño, coas limitacións impostas e facendo as cousas o mellor posible. É certo que temos unha capacidade incrible de adaptación a todo, pero hai cousas que, por como somos, como nos comportamos e socializamos, custan algo máis. Pero debemos adaptarnos.
Con Luar Na Lubre estamos xirando de novo por toda a Península cun bo número de concertos ata fin deste ano e con boas perspectivas. A implicación do público é extraordinaria e dá moito ánimo para poder afacernos á situación. A xente ten ganas de música e de gozar, pero a incerteza aínda segue aí. Parece que todo pende dun fino fío quebradizo e que en calquera momento pode volver a pasar algo. Mentres tanto, co ánimo alto, seguimos facendo quilómetros, levando a nosa música a moitos fermosos lugares con xente con ganas de vivir e de volver a socializar como nos gusta nesta parte do mundo.