Pancho

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

PACO RODRIGUEZ

14 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Igual que o grande Manuel María, Pancho falaba de «razoar» para referirse a conversar, e aí radicaba o seu encanto elegante e digno, esas calidades que facían de Pancho Pillado un verdadeiro señor que, podendo dedicar a súa lanzal elegancia para mesteres máis mundanos, decidiu dedicala á cultura galega, onde tan faltas imos sempre de delicadezas coherentes, estendidas no tempo e desinteresadas coma a súa. Quizais había algo quixotesco na súa querencia polas causas perdidas: unha editora por aquí, o mundo do teatro por alá... Pero non había quimeras no Pancho Pillado que encarou Laiovento, unha editorial que foi refuxio de moitos proxectos necesarios, ou no apaixonado investigador que recuperou en boa medida a nosa historia teatral a través do valiosísimo traballo de documentación e arquivo que leva o seu nome na Universidade da Coruña. El sempre soubo -e así nolo transmitiu ás persoas que debiamos seguir o seu facho- que facer todo iso era tan posíbel coma imprescindíbel.

Non me cabe dúbida de que, de aquí en diante, diremos que Pancho Pillado era un bo e xeneroso, ese epíteto xa épico co que ás galeguistas nos faltan os nosos heroes. Mais coido falar no nome de toda unha xeración de herdeiras e herdeiros para quen a figura de Pillado foi alén do intelectual cabal e do mestre intelixente. Cómpre dicilo en alto agora que nos deixou: Pancho Pillado representa coma ninguén un galeguismo de esquerdas que soubo entenderse como cómplice dun futuro ao que cumpría dar paso, desde unha amabilidade temperada e sosegada que puxo ao servizo do noso futuro os seus saberes e pensares. Por iso e por moitas cousas fermosas que con el marchan, estrañarémolo sempre.