Mover o mar

OPINIÓN

Germán Lama | Europa Press

14 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos queremos o mar. Claro que si, especialmente eses vellos madrileños que non esperan a que cante o galo para se cadraren nunha desas colas ás seis da mañá e accederen a un lugar privilexiado das praias da costa mediterránea. Velaí están, confundindo a súa espera coa festa aínda fresca de varios mozos que estiran a noite para se divertiren ao pé das praias. Talvez por iso estea na teima dalgúns políticos e empresarios mover o mar e levalo para a capital. Unha empresa que parece unha alucinación, mais non o é, porque ás veces a realidade tamén nace na nosa imaxinación. Aos soños non se lles pon prezo, ou si. Se non que nos pregunten aos veciños de Xinzo por aquel proxecto de hai cousa de dez anos cando o presidente de Portos de Galicia prometeu borrar, a base de decreto, os 150 quilómetros que nos separan da costa ofrecendo un porto deportivo. É certo que o Limia é un río que nace morto preto da vila e morre vivo no Atlántico portugués, pero, se os políticos querían achegarnos o mar, habería que celebralo. Era precampaña das municipais e o alcalde popular daquela quería exhibir músculo electoral. E veña, a promesa dun mar para Xinzo, invadindo á veciñanza limiá cunha onda de emoción porque moitos demos en soñar con embarcacións deportivas ao pé das nosas leiras que deixarían de pór patacas para sementar ameixas ou longueiróns. Unha tolería que tivo un fracaso silencioso, como o que debería ter o Mad Beach madrileño que prometeu levar a praia á Casa de Campo e o que en realidade está a levar é o negocio dos decibelios e o aproveitamento económico dun espazo público declarado Ben de Interese Cultural. Que a empresa leve o nome de Comanchería debería ser, cando menos, un aviso para sabermos que non é o mar o que se vai mover.