Ortigueira

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

OPINIÓN

Actuación no Festival Celta de Ortigueira 2018
Actuación no Festival Celta de Ortigueira 2018 JOSE PARDO

10 ago 2021 . Actualizado a las 11:56 h.

A primeira vez que fun ao Festival Celta de Ortigueira, como espectador, foi no ano 1981. Chegamos en bus ata a vila e instalamos a nosa tenda de campaña no piñeiral de Morouzos, coa idea de gozar ao máximo daquel evento novidoso e fascinante. Era a terceira edición dun festival que foi pioneiro en traer bandas de música celta a Galicia, un estilo que resoaba con forza pero do que apenas se coñecía nada. Eran tempos semiconvulsos de post-transición cun ambiente algo enrarecido, aínda que para min, un adolescente nos oitenta, resultaba entre novidoso e moi emocionante.

Era a primeira vez que ía a un encontro deste tipo, co soño de participar no meu primeiro evento de masas coa música que máis me gustaba. Nesa edición de 1980, participaban os galeses Swansea Jack, os irlandeses Na Casaidigh e Pat Kilbride e os galegos Milladoiro. O festival completábase cun elenco de grupos folclóricos e bandas de gaitas dos diferentes países celtas, entre os que brilaban os valentes precursores e organizadores deste evento; a Escola de Gaitas de Ortigueira, baixo a direción de Xabier Garrote.

Voltei máis veces a Ortigueira como espectador coa mesma ilusión e con máis experiencia. Coñecín moita xente, tanto galega como chegada de moitos outros lugares, e farteime de tocar, de ver como tocaban pero, sobre todo, de aprender. Podo dicir que gocei do festival todo o que puiden e todas, ou case todas, as lembranzas son boas e positivas.

Carácter e personalidade

Os anos foron pasando e, de espectador, pasei a ser protagonista no palco principal con Luar Na Lubre, participando en tres edicións deste marabilloso festival que se foi asentando no tempo adquirindo carácter e personalidade. No ano 2020 estabamos no cartel de novo pero a pandemia obrigou a suspender a edición que no 2021, por mor da situación, non se puido reanudar. Será no 2022 cando voltemos a este espectacular evento das músicas celtas que congrega a milleiros de persoas, chegadas de todos os lugares do mundo, con gañas de festa e de escoitar esas músicas de raíz, chamadas célticas, tan prezadas pola nosa terra.