Educación versus Olimpiadas

Isabel Calvete Carrera VICEPRESIDENTA DA CONFEDERACIÓN ANPAS GALEGAS

OPINIÓN

SASCHA STEINBACH | Efe

Está xenial que as nosas atletas galegas estean acadando triunfos nas Olimpíadas; sen dúbida algunha merecen páxinas e páxinas nos xornais e un montón de minutos nas noticias. Son un exemplo estupendo para a nosa rapazada nun mundo onde o que lles importa son as novidades que ven no TikTok. Ogallá as noticias sobre o deporte olímpico tiveran neles a influencia que teñen as redes sociais.

E mentres, o ensino público sufre un dos maiores recortes dos últimos anos, así, sen máis, as agachadas, sen escusas, procurando que a maioría das familias non se decaten do que está a suceder e aproveitando que están gozando dun merecido descanso despois dun dos cursos (ou anos) máis complicados, a todos os niveis, que nos tocou vivir.

E logo, qué? Qué facemos no inicio dun curso do que non temos a mínima idea, nin nós nin ninguén, do que vai a acontecer coa pandemia? Leremos os interminables protocolos, os que faga falla, e esforzarémonos en aplicalos polo ben de toda a comunidade educativa e, sobre todo, polas nosas nenas e nenos. Intentaremos poñernos o día de novo nas plataformas en liña educativas para axudarlles, estaremos dispostas a renunciar a participar nas actividades do colexio e nos festivais, eles quedarán sen as excursións, sen as competicións deportivas, sen achegarse uns a outros e coa máscara posta en todo momento, tamén coas fiestras abertas para garantir que respiran aire limpo e san. Eles poden con todo iso, son as nosas fillas e fillos. Xa o fixeron este curso e o fixeron ben.

Temos a garantía, en serio, de que haberá hidroalcohol para todas, tamén as máscaras que se precisen, e con algo de sorte a rapazada empezará a vacinarse en setembro e tal vez poidamos esquecer este pesadelo.

E cando volvamos á normalidade, a que sexa, resulta que a formación non era demasiado importante, debe ser iso, se non cómo se explica semellante recorte no profesorado? Por unha banda estabamos todas orgullosas, as anpas, a consellaría, o profesorado... do resultado final do curso tanto a nivel sanitario coma académico, pero algo sucedeu; demasiado bo para ser verdade. Qué pasa? Danos medo que o ensino público acade a importancia e a excelencia que debe ter e que semellaba ser posible cos rateos axeitados e o suficiente número de profesores para atender e formar a todo o alumnado? Iso parece, estamos no ensino público, coidado con mellorar non nolo vaiamos a crer, imos volver as aulas masificadas, á precariedade na atención ao alumnado que máis o precisa, imos deixar atrás ao máis vulnerable, todo iso da inclusión é unha utopía que queda xenial escrito por aí, mesmo na lei de educación. Seica todo vale. A culpa tena sempre a crise demográfica.

Pero centrémonos no importante: as Olimpíadas de Xapón.