Presión e velocidade

Víctor F. Freixanes
víctor f. freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

DPA vía Europa Press

01 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O abandono da ximnasta olímpica Simone Biles no primeiro salto de competición en Toquio, alegando o alto grao de presión psicolóxica ao que se sentía sometida, merece unha reflexión que vai máis aló das figuras deportivas que acaparan estes días os medios de comunicación. Digo estes días e debería dicir durante case todo o tempo. Na sociedade do espectáculo, o deporte competitivo é un dos factores de maior consumo, sobre o que se referencian moitos dos valores dominantes do comportamento social. Para ben e para mal. Hai outros deportes que non son de consumo masivo e nos que apenas case que ninguén repara, mais a convocatoria de Toquio convérteos a todos en mercadoría de masas, apurando ao máximo a expectación. Simone Biles é un exemplo. 

Durante catro anos, nesta ocasión cinco, os atletas traballan ao máximo das súas capacidades, moitas veces con recursos escasos ou moi limitados, todos coa esperanza de competir e acadar ese momento de gloria que dá sentido a tanto esforzo. Os máis afortunados teñen recursos. Moitos deles sobreviven. Ás veces, a presión é tanta (presión individual, que exerce a persoa sobre si mesma, e presión social, que aviva o conxunto de intereses e emocións que a rodean), que algúns rompen. O de Simone Biles non é o primeiro caso. Outros tivemos preto de nós, non se trata de dar nomes: figuras admiradas que tiveron que pedir un respiro ou mesmo se retiraron durante un tempo para poder seguir. Sempre que as vexo actuar (na barra de exercicios, no tatami, na carreira do salto, na manobra da vela) penso que se nunha décima de segundo a man non prende ben na barra, ou a pisada da carreira no derradeiro segundo non é correcta, malia tantas carreiras e saltos anteriores, todo o esforzo se perde. Nunha décima de segundo. Os que participan non son nada. Só contan os que ocupan o primeiro plano. E o que é máis triste: pasados uns meses, ás veces unhas semanas, todo desaparece. Así de efémera é a gloria.

Mais eu aínda penso noutras situacións: profesionais, estudantes, traballadores, xente do común que loita decote contra os grandes castigos do noso tempo: a presión e a velocidade. Todo para agora. Todo ás présas. Chegar e encher. O que chega primeiro apaña o botín. Presión para competir, porque na competitividade está a esencia do modelo produtivo. As novas tecnoloxías converteron o traballo nun banco de galeras. Os horarios desapareceron. As condicións laborais, en moitos casos, son atroces. O horizonte do mercado aviva a inseguridade de centos de miles de rapazas e rapaces que se lanzan á vida coma a unha pista de alta competición. A precariedade dos contratos radicaliza aínda máis a situación. Dígoo moitas veces: corremos coma tolos detrás dun autobús que non sabemos onde vai nin quen o conduce. Se acaso sospeitámolo. Mais sabendo que non está na nosa man (particular) corrixir ou orientar a viaxe. Ou si. Esta sería reflexión para outro día.