Enerxía e andrómenas

Jorge Mira Pérez
jorge mira O MIRADOR DA CIENCIA

OPINIÓN

Alberto Ortega

01 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Non deixa de sorprenderme que en pleno século XXI progresen tanto as pseudociencias. Nun programa de televisión vexo, atónito, como algunhas delas pretenden curar enfermidades a través da canalización dunhas supostas enerxías. Lembro a primeira vez que me explicaron o da enerxía: para calcular o traballo necesario para subir unha pedra dende o chan ata o teito dunha casa. Parece unha tarefa complexa, porque teríamos que ir medindo o gasto que temos que ir facendo para vencer o tirón cara abaixo da gravidade; pero resulta que sae fácil, porque non hai máis que multiplicar o peso da pedra pola altura da casa. Ese produto chámase enerxía, a que agora ten a pedra por estar arriba. Non só iso, ese número é moi práctico, porque grazas a el podemos calcular a que velocidade chega a pedra ao chan se a deixamos caer. Pero ollo, se a pedra non estivese sometida á gravidade da Terra, non tería esa enerxía. Oirían tamén que a masa se transforma en enerxía. Nós estamos formados por átomos, nos que o que máis pesa son os seus protóns e neutróns, feitos dunhas peciñas máis pequenas, cuarks, que están unidas por unha forza moi forte. De cada quilo do noso corpo, 990 gramos saen da condensación do enorme traballo que fai esa forza para ter os cuarks pegados. Outra forza xogando un papel. No noso Universo hai catro tipos de forzas básicas, cuxos efectos se observan e miden con precisión. Quizais certos sanadores deberían aclarar cal é a forza (e que a move) que supostamente hai detrás desas enerxías.