Discafobia

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

CESAR QUIAN

30 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa no Antigo Exipto se practicaba o infanticidio cos que nacían cunha anomalía, e na Biblia hai ducias de referencias á discapacidade como marca de pecado. En Roma, nun alarde de evolución, só os abandonaban á súa sorte, mentres que na Idade Media, as persoas «defectuosas» ou «anormais» pasaban auténticos calvarios por seren considerados herexes, tolos e bruxas.

Nese momento xorden os asilos, lugares de agocho para evitar a relación con esas persoas e, sobre todo, os seus coidados, amparándose na caridade reservada aos normais. E aí seguimos, sen saber tratalas de maneira normal porque, igual, anormais somos nós.

Berrámoslles aos invidentes, cremos que a rapazada con síndrome de Down é especialmente parva, o espectro autista é motivo de chanza, por non falar da incapacidade dos políticos para gobernar desde a inclusión máis básica: a dos espazos públicos.

Falamos moito, e fixemos ben, do asasinato homófobo de Samuel, pero sorprende o pouco que se comenta a vergoñenta morte de Isaac en Madrid, un rapeiro con síndrome de Asperger que o 16 de xullo foi apuñalado por unha banda violenta despois de ser acosado durante meses.

As dúas mortes significan que fachendeamos moito pero evoluímos pouco desde que en Esparta botaban os rapaces do monte Taixeto abaixo. Seguimos desprezando a quen se comporta de xeito heterodoxo, sexa por homosexual, por ter TEA ou por senegalés. Pero, fronte á violencia contra quen lograron converter a súa diferenza en motivo político, asumimos como normal a estrañeza ante as persoas con discapacidade.

Caridade ou violencia esmagan o pequeno espazo onde a convivencia co atípico esclarece fermosamente que a intelixencia humana se manifesta en todas as persoas, agás nos violentos que ficaron na caverna.