O BNG, sempre con Galiza

Ana Pontón
Ana Pontón PORTAVOZ NACIONAL DO BNG

OPINIÓN

César Arxina

30 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada día son máis os galegos e as galegas que teñen claro que cando deciden por nós desde Madrid, Galiza perde e, para mudar ese guión, a alternativa é decidir desde aquí sobre o noso e a favor do país. Chámase autogoberno real, e a única forza capaz de exercelo coas mans libres e sen límites é o BNG, no que cada vez confían máis persoas como alternativa. Esa confianza que non deixa de medrar convértenos no BNG máis transversal da historia.

O obxectivo da política é mellorar a vida da xente e sería absurdo renunciar ás ferramentas que nós permiten avanzar nese obxectivo. Por iso defendemos a capacidade de decidir sobre os nosos recursos, defendemos poñer a nosa riqueza ao servizo da maioría social ou defendemos ter a chave dos nosos cartos para xestionalos en función das prioridades do país. Chámase, insisto, autogoberno real.

Nas antípodas da submisión e do servilismo a Madrid que practican as forzas estatais, cada vez máis centralistas, mentres arremeten contra un BNG que as deixa en evidencia pola súa posición insubornable a favor de Galiza. É certo, non somos infalibles, pero hai unha cuestión na que nunca nos equivocamos: en elixir de que lado estamos, sempre, sempre, cos galegos e coas galegas.